A Ferrería acolle este venres o Festival de Fitness

43

A praza da Ferrería acolle este venres, día 4, unha xornada de portas abertas pensada para toda a familia e organizada pola empresa concesionaria do centro deportivo de Campolongo. A oferta consiste nun amplo abano de actividades gratuítas para pasar a tarde facendo deporte.
Por primeira vez o Festival de Fitness sae das instalacións das piscinas para ofrecerse en plena praza da Ferrería. Tan só en caso de choiva buscaría acubillo no centro deportivo de Campolongo.
O evento foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o director do complexo deportivo, Roberto Cancelas.
Para participar non é preciso apuntarse. Basta con acudir, preferentemente, con roupa deportiva. Comeza ás 17 horas e continuará ata as 21 horas cun feixe de propostas, organizadas en módulos de 40 minutos de duración.
Agustín Fernández destacou que o obxectivo é acercar o deporte aos cidadáns e asocialo cunha compoñente lúdica. Referiuse ao éxito da exhibición de deportes minoritarios Mostra-T Deportivamen-T, celebrada hai escasas semanas na praza de España. E concluíu que os poderes públicos teñen a obriga de promover un estilo de vida sá, relacionado coa actividade física.
Roberto Cancelas subliñou que a xornada está deseñada para toda a familia,  facilitando así o acceso simultáneo de adultos e rapaces. A primeira hora será a quenda dos máis pequenos que, despois, disporán de carpas e xogos de animación para que os seus pais ou acompañantes podan gozar das actividades para adultos.
O programa inclúe baile infantil, baile latino para adultos, aerobic/aerofitness, tonificación, body combat e, finalmente, zumba.
Máis información sobre os horarios e actividades no sitio www.serviocio.es.