Hefesto arranca co mundo da música

63

A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces visitou esta mañá a primeira acción que se puxo en marcha no ámbito do programa Hefesto, que deseña unha intervención innovadora e atractiva no eido da discapacidade que pretende ser un espazo inclusivo e aberto a novas experiencias onde se misturen o mundo máis urbano e a discapacidade.
A primeira acción “Discapacidade e o mundo do son en estudo de gravación”, comezou este mes de outubro e prolongarase durante todo o mes de novembro na Casazul e terá como resultado a gravación dun vídeo musical nun estudo de Pontevedra.
Cabe lembrar que o programa Hefesto 2013 ten tres grandes áreas: discapacidade e cultura bboying, discapacidade e colectivo de moteiros/as e discapacidade e o mundo do son. O colofón será o día 3 de decembro, Día Internacional da Discapacidade. Antes hai varias accións deseñadas en distintas datas.
DISCAPACIDADE E CULTURA MOTEIRA. Esta acción está prevista que se realice o sábado 19 de outubro con saída ás 16.30 horas e chegada ás 17.30 e cun itinerario que sairá do Mirador de Monte Porreiro e rematará nunha das prazas emblemáticas da cidade. Arredor de 20 moteiros e moteiras levarán nas súas motos a un grupo de discapacitados/as.
DISCAPACIDADE E CULTURA BBOYING/BREAKDANCE: Esta acción contará cunha master-class sobre a cultura Bboying a cargo da Asociación cultural “Black Box Project” pertencente ao Programa HEDRA da Casazul. A data prevista é o venres 18 de outubro no Pazo da Cultura entre as 10.00 e as 14.00 horas.
Con estas accións anteriores elaborarase un audiovisual que se presentará o martes, 3 de decembro, Día internacional da discapacidade, no Teatro Principal ás 20.00 e ao que están convidadas/as asociacións, axentes sociais, participantes no programa, familiares e calqueira outra persoa interesada.
Este programa está apoiado polas entidades pontevedresas que traballan pola discapacidade: AMIZADE, XUNTOS-ASOCIACIÓN SÍNDROME DE DOWN, JUAN XXIII, VIRGEN DE LA O, ALBA E AMENCER-ASPACE.