O medio maratón Serviocio de Pontevedra acadará o obxectivo de chegar aos 1.500 participantes

40

O mellor medio maratón de Galicia. Así foi definida hoxe a proba atlética que este domingo se celebra nas rúas de Pontevedra e que pecha o calendario do primeiro Circuíto de Carreiras Populares impulsado pola Concellería de Deportes.
Os datos indican que o medio maratón Serviocio de Pontevedra cumprirá o obxectivo de acadar os 1.500 participantes, segundo anunciou o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández. Achégase así a unhas cifras nas que o Concello e a Sociedade Ximnástica, como organizadores, terán que tomar a decisión de poñer un tope que, en ningún caso, pode superar as 2.000 persoas.
Na presentación oficial, celebrada hoxe no Centro Deportivo de Campolongo, participaron tamén o presidente da Ximnástica, Ramón Touza, e o xerente de Serviocio na cidade, Roberto Cancelas. A saída está prevista para as 11 mañá no entorno da rotonda da rúa de José Malvar.
O concelleiro de Deportes destacou que estamos diante dunha proba moi consolidada no calendario galego e que vén a culminar un circuíto que, xa neste primeiro ano, tivo un importante éxito. A Concellería estudará e analizará todos os datos para introducir melloras no ano próximo.
Durante a presentación lembrouse que a primeira edición do medio maratón arrancou con só 124 corredores e, dende entón, tense avanzado un longo treito. Falouse tamén do importante labor do voluntariado que fai posible o desenvolvemento da competición.
O medio maratón de Pontevedra aposta decididamente por un perfil popular. Con este obxectivo introduciranse atletas-guía, significados con globos rotulados, que ofrecerán ritmos para completar a proba nun amplo abano que vai dende os 4 minutos ao quilómetro aos cinco minutos e medio. Nesta mesma liña haberá dúas “quedadas” previas para motivar aos participantes. A primeira é esta noite, ás 20.00 horas, na pasarela peonil da Xunqueira, na que se ofrecerán consellos básicos para afrontar a proba. A segunda é o próximo xoves, 17, na entrada do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para coñecer directamente o percorrido.
Os deportistas inscritos no Medio Maratón recibirán como agasallo unha toalla de microfibra, concibida especialmente para xente que fai deporte. Haberá premios aos mellores clasificados en cada categoría e tamén unha categoría para equipos mixtos, compostos por tres persoas e nos que deben estar representados os dous sexos.

Concurso de fotografía
A última novidade é a convocatoria dun concurso fotográfico, organizado en colaboración co Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
Para participar basta con enviar un correo electrónico ao enderezo cfmmp@pontevedra.eu antes do 31 de outubro próximo. Deben ser arquivos JPG cunha calidade máxima de 3 megas por cada un. Admítense dous fotos por participante.
O asunto do correo deberá ser “Concurso  de fotos do Medio Maratón Pontevedra 2013”. O nome do arquivo será o título da fotografía e no corpo do correo haberá que xuntar os datos persoais (nome, teléfono e descrición das imaxes, se fóra necesario).
Haberá tres premios de 100, 75 e 50 euros para os gañadores.
As bases completas poderán consultarse na web do Medio Maratón e no Facebook do circuíto de carreiras populares de Pontevedra.

COMPARTIR