O Concello conxela 17 das 27 ordenanzas fiscais para 2014

72

O Concello de Pontevedra manterá ou, incluso, reducirá a carga impositiva cara os contribuíntes para o vindeiro ano. Das 27 ordenanzas fiscais municipais, o Concello conxela 17, entre elas o IBI que é o principal imposto recadatorio do concello cuns 17 millóns de ingresos anuais, e actualizará ao IPC, ou incluso menos, 10 ordenanzas fiscais, especialmente aquelas que están fixadas por contratos: auga e lixo.

Raimundo González, concelleiro de Economía e Facenda, explicou que entre as taxas e impostos que se conxelan están todos aqueles ligados á actividade económica (ICIO, licenzas, establecementos, mercados, taxas de empresas, quioscos…). Ao respecto do IAE faise unha compensación incrementando para aquelas actividades que se atopan en zona 1 e baixando ás de zona 5; sobre a taxa de ocupación de vía pública só sube os caixeiros automáticos das entidades bancarias.

Sobre o IBI o concelleiro explicou que o Concello abre a posibilidade de fraccionar o pago en dúas ocasións. O primeiro pago deberá ser solicitado entre o mes o de setembro e novembro deste ano. O primeiro prazo cobrarase o 20 de xuño de 2014 e o segundo prazo o 1 de outubro. Para ter este fraccionamento debe ser solicitado e cumprir uns requisitos mínimos: non ter débedas coa administración local, se se teñen varios recibos que todos deben ser fraccionados…

Nesta actualización das ordenanzas fiscais, o concelleiro mantén o seu compromiso con Aempe de rebaixar a auga nun 2% e os sumidoiros nun 1,8%.

Sobre as ordenanzas fiscais que incrementan de cara ao vindeiro ano están: a extinción de incendios, os cemiterios, mesas e veladores, plusvalías, imposto de tracción mecánica (viñeta), auga e lixo, servizos especiais e caixeiros automáticos.

Sobre a auga e o lixo, Raimundo González explicou que o incremento bimensual do recibo (por todos os seus conceptos: auga, lixo e sumidoiros) será de 0,75 euros. Neste aspecto, o concelleiro lembrou que o Concello ten obriga de actualizar os contratos con Cespa (concesionaria do lixo) e con Aquagest (que ten unha fórmula polinómica para actualizar o contrato: salarios e prezos enerxía), que no primeiro caso sube o IPC e no segundo por riba do IPC.

COMPARTIR