Pontevedra propón unha declaración de apoio ao pobo filipino no Fondo de Cooperación

49

O Concello de Pontevedra, a través da concellaría de Benestar Social Municipal, participou esta mañá na asamblea do Fondo Galego de Cooperación celebrada en Santiago na que Pontevedra tivo un especial protagonismo.
Facendo uso da palabra, no turno de rogos e preguntas, a concelleira Carmen Fouces pediu que se mandaran parabéns ao instituto Torrente Ballester, así como aos alumnos e profesores recentemente galardoados co Premio Nacional de Educación para o Desenvolvemento “Vicente Ferrer” polo proxecto Escolas sen racismo. Tamén solicitou que se colgara no web do Fondo o vídeo grabado polos alumnos. Ambolas dúas propostas foron aprobadas polo Fondo.
Tamén a petición da concelleira de Pontevedra abordouse a actual situación de emerxencia humanitaria en Filipinas. Propuxo a aprobación dunha declaración institucional de apoio ao pobo filipino, que foi aceptado pola asamblea do Fondo. Previa á reunión da asamblea reuniuse a executiva do Fondo que xa acordara aprobar esta declaración, e facer unha donación de 10.000 euros a Acnur para tratar emerxencias na zona cero do tifón.
Tamén se acordou abrir unha conta de emerxencia, xestionada polo Fondo, na que todas as persoas que o desexen poidan dar as súas donacións. En función da contía recadada, o Fondo poderíase plantexar facer un proxecto en Filipinas (onde non traballa na actualidade) ou ben donar a cantidade que se recadase a Acnur.