Retoman os traballos de seguridade e acondicionamento da senda do Lérez

59

A Concellaría de Parques que xestiona Anxos Riveiro retomou esta semana os traballos de acondicionamento e seguridade na senda fluvial do Lérez, á altura da avenida de Bos Aires, no entronque coa senda de madeira de Monte Porreiro. De feito, mentres os traballos se realizan nesa zona permanecerá pechado o acceso  á senda peonil por motivos de seguridade.
Os traballos retomáronse logo do remate da época estival, cando a senda é máis empregada polos pontevedreses. E consisten na eliminación de árbores que teñen comprometida a súa estabilidade ou que presentan un mal estado sanitario. Moitas delas son especies alóctonas que teñen un sistema radicular moi superficial que non permiten a suxeición segura no noiro no que se atopan, e a maioría presentan unha excesiva inclinación sobre o senda. Esta situación implica que cada inverno, coa chegada dos temporais, a senda sempre sufre a caída dalgunha árbore e ten que ser cortada, e, nalgún caso, reparada; ademais do conseguinte perigo que supón para as ducias de usuarios que diariamente empregan esta senda fluvial.
Aproveitando estes traballos, tamén se eliminarán as especies alóctonas do lugar, que son, sobre todo, acacias, eucaliptos e robíneas, mellorando a calidade do tradicional bosque de ribeira que se debera conservar nun espazo LIC como o é o río Lérez.
A intervención farase por fases: a tala controlada por técnicos cualificados mediante o sistema de trepa, retirada de ramas, biotrituración dos restos e replantación con especies de ribeira no momento estacional oportuno, así como guiar as novas especies que están a nacer baixo estas árbores taladas.
Os traballos contan co visto bo da Consellería de Medio Ambiente que aprobou estas cortas que teñen por obxecto mellorar a seguridade peonil en toda a senda fluvial, e preservar o bosque de ribeira propio do Río Lérez, que o cualifica como LIC.