Máis de 750.000 euros na inspección das empresas de gas, electricidade e telefonía

79

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a contratación dunha asistencia técnica para a inspección das empresas que ocupan o solo e subsolo do concello e que pagan 1 e medio por cento dos ingresos brutos anuais que facturan no concello. Son empresas de gas, electricidade e telefonía.

O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González explicou que existe un elevado índice de empresas que non pagan, "é dicir, que defraudaban".

En total son 38 empresas as inspeccionadas (seis de gas, cinco de telefonía e 27 de electricidade), das cales 21 estaban dadas de alta e outras 17 non (dous de gas, dous de telefonía e 13 de electricidade). Nesta inspección afloraron moitas empresas que non pagaban este imposto, e até o de agora se levan recadado 100.000 euros, e a Concellaría confía en recadar uns 750.000 euros en total tanto de actualización de taxas, como cobro de atrasos e sancións.

Segundo as previsións, a recadación do imposto verase incrementado nun 20% cada ano. Até o de agora o padrón de recadación é de 1,1 millóns de euros e poderá pasar a 1,3 millóns.

O contrato ten un valor de 60.000 euros máis IVE.