O Concello resolve os asolagamentos das Palmeiras que anegaban Raíña Vitoria

62

O Concello de Pontevedra realizou nestes días traballos no Xardíns de Vincenti e nas Palmeiras para resolver os problemas de anegamentos e “riadas” que causa a chuvia nas escaleiras de baixada á avenida de Raíña Vitoria, especialmente nos días de temporal.
A obra foi executada pola Concellaría do ciclo da auga, que xestiona Raimundo González, a través da empresa Aquagest. Tivo un custe de pouco máis de 9.000 euros e consistiu na instalación dunha canalización de 130, dous pozos e seis sumidoiros en distintos puntos das Palmeiras próximo á avenida Raíña Vitoria.
Os asolagamentos que se producían durante os temporais de chuvia nas Palmeiras facían que a auga caíse en tromba cara a avenida Raíña Vitoria, que o Concello confía en ter resolto agora con esta intervención.