O Concello e o IES Valle Inclán achegan aos estudantes ao medio forestal neste outono

53

Coa chegada do outono a Concellaría de Parques volveu a retomar a súa colaboración anual co IES Valle Inclán para realizar plantación de árbores no monte do municipio, -coa autorización e colaboración das comunidades de montes- e co obxectivo de que os mozos se acheguen ao medio forestal e á súa multifuncionalidade. A cuarta e derradeira saída deste outono será mañá luns, 25 de novembro (a saída será ás 09.10 dende a parada de autobús de San Roque).
Esta actividade, que xa leva varios anos en funcionamento, xorde da colaboración entre o Concello de Pontevedra e o IES Valle Inclán, centro que acaba de asinar un convenio coa mancomunidade de montes en mancomún de Pontevedra de cara a este tipo de actividades. 
Dende primeiros de outono un cento de alumnos de segundo da ESO están a participar nestas saídas ao monte que constan de dúas partes:
• Visita a unha zona queimada, avaliando os efectos do lume e realizando unha sementeira de herbáceas de urxencia coa fin de evitar o lavado e escorrentía do solo. A zona visitada neste caso é nos arredores do encoro do Pontillón.
• Plantación en terreos da comunidade de montes de Marcón, preto do miradoiro da Fracha. Os escolares están a plantar un cento de exemplares de entre bidueiros, castiñeiros e carballos, todos eles micorrizados, é dicir, inoculados co fungo Boletus edulis, coa fin de mellorar a viabilidade das árbores ao tempo que se promove un uso complementario do monte como é a recollida de cogomelos.

Noutra fase do curso, outros alumnos do mesmo centro visitarán zonas plantadas en edicións anteriores, realizando pequenos traballos silvícolas e eliminando especies invasoras, nomeadamente mimosas (Acacia dealbata).
 

COMPARTIR