O Salón do libro recibe o premio do público de Culturgal

51

Pasadas as 17:30 horas iniciábase o acto deseñado para a entrega do Premio do Público Culturgal. Nun ambiente festivo, desenfadado e cargado de humor a conta de Os da Ría, a comitiva composta polo presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo,  o coordinador da edición 2013, Xosé Aldea, a Concelleira de Cultura Anxos Riveiro Portela e Orbil, representando ao premiado Salón do Libro, percorreron a Feira de Industrias Culturais no seu último día.

Entre un público numeroso que participaba das diferentes actividades da tarde e tras facer unha parada no espazo do Salón para amosar o cartel da edición 2014 “Cociñando Contos”, deseñado por Pirusca, procedíase á parte máis formal do acto.

Xulio Amigo comentou no seu discurso o motivo de crear este Premio para “darlle voz ao público, que é a razón de ser do Culturgal” e aproveitou para destacar as 3 candidaturas que optaron a el este ano: A Asociación PuntoGal, o Festival de Cans e o finalmente gañador, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, todas elas “meritorias e queridas”. 

A concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, tras recibir o diploma e o ramo de flores co que foi agasallada, destacou a importancia de crear “inicitivas como esta, que serven para facer visibles importantes proxectos culturais de gran calidade  e creatividade que se producen no noso país e que espertan no público que se implica en votalos, un sentimento de orgullo polo noso”. Para o Salón do Libro, o Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra como organizadores, supón un gran recoñecemento, que fixo extensible a todos/as aqueles/as que durante estes 15 anos de vida colaboraron para darlle vida a este proxecto co seu traballo, ilusión e esforzo. Persoas como Luis Bará o Mª Xesús López Escudeiro que se atopaban entre o público.

15 anos despois da súa primeia edición en 1999, creada polo Concello como unha iniciativa nova na que a participación social fora o eixo central, e grazas ao traballo de personas vinculadas ao ensino, proxectos editorias inicpientes, entidades  culturais, etc, “ agardamos poder devolver con creces o premio que nos concededes, traballando para que o vindeiro Salón do libro sexa moito máis atractivo, participativo e ilusionante que nunca”

COMPARTIR