A exposición O galego tamén noutros mundos, chega ao IES de Cotobade

46

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra cédelle a exposición O galego tamén noutros mundos ao IES de Cotobade. A mostra poderase visitar no centro educativo de Tenorio ata o martes 28 de xaneiro.
O galego tamén noutros mundos consta de trece paneis nos que se mostra a universalidade da nosa lingua e no seu carácter aberto e internacional, que nos comunicou e nos comunica con outra xente e nos fai estar presentes noutras terras. A exposición incide na relación entre a nosa existencia e a nosa identidade; unha identidade propia que queremos mostrar e compartir con outras culturas e con outros pobos, para relacionarnos en igualdade.
A exposición é un percorrido pola nosa historia medieval, os centros galegos espallados polo mundo, as traducións literarias directas e inversas, o éxito internacional da nosa música, a posibilidade de entendérmonos en galego con persoas doutros continentes, o valor engadido que representa a lingua para a mercadotecnia e publicidade dos produtos e a riqueza, modernidade, utilidade e universalidade da nosa lingua. 
• Panel 1. Presentación
• Panel 2. Introdución
• Panel 3. O galego, a lingua dun reino
• Panel 4. Unha lingua internacional
• Panel 5. Unha estadounidense, poeta en galego?
• Panel 6. Unha lingua emigrante e exiliada
• Panel 7. O mundo en galego
• Panel 8. Conectados/as á rede
• Panel 9. Galician sounds
• Panel 10. Podo estudar galego en Budapest?
• Panel 11. A nosa lingua unha marca de calidade
• Panel 12. Falantes orgullosos/as
• Panel 13. O galego tamén no meu mundo

Esta actividade enmárcase no programa que desenvolve o Concello de Pontevedra para promover a normalización da lingua galega entre a mocidade, para dinamizar o uso da lingua  a través do coñecemento e da reflexión sobre distintos aspectos da nosa realidade.
As exposicións da Concellaría de Normalización Lingüística, están á disposición de calquera colectivo que as solicite: centros educativos, asociacións e outras entidades interesadas na dinamización e promoción do uso do idioma galego.