Máis de 3.000 mozos recibiron información sobre as condutas adictivas

80

A Concellaría de Benestar Social Municipal está a rematar nestes días os Obradoiros de prevención de condutas adictivas que se están a desenvolver en distintos institutos da cidade. Estes obradoiros intégranse nas actividades escolares do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas en colaboración coa Consellería de Sanidade.
Con estes obradoiros, quérese dotar a comunidade educativa de instrumentos de traballo que permitan unha abordaxe racional das condutas adictivas.
Os datos reflicten o gran interese que amosan os centros. Recibiron información/formación sobre as condutas adictivas -tanto as químicas como ao alcol ou ao cannabis, como as comportamentais como o móbil ou internet- un total de 3.033 alumnos que están cursando a ESO (1º ESO: 851 alumnos,  2ª ESO: 755 alumnos, 3º ESO: 757 alumnos e  4º ESO: 670 alumnos) de 10 centros educativos tanto públicos como concertados da cidade.
Os técnicos municipais traballaron cun total de 61 grupos de 1º e 2º da ESO que recibiron 3 horas de formación en horario de titoría e 57 grupos de 3º e 4º da ESO que recibiron 4 horas de formación en horario de titoría. Estes datos supoñen 411 horas de traballo directo na aula por parte do persoal do Plan Municipal de Prevención de Condutas Adictivas.