Chévere estrea en Pontevedra Ultranoite

53

País dos Ananos, o último espectáculo da compañía Chévere, preséntase no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra o día 11 de abril ás 21:00horas. As entradas podense adquirir anticipadamente en servinova a un prezo de 8€ (5€ para estudantes, parados e xubilados) e, no caso de non esgotarse, dúas horas antes na billeteira .
Este novo traballo é un cabaré nihilista que conta cos actores Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi e Xron, e cos músicos Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez e Manuel Cebrián tocando en directo.
Sobre País dos Ananos
Ficha técnica: En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arantza Villar, César Goldi, Xron, Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián.
Música orixinal: Xacobe Martínez Antelo. Textos e letras: Manuel Cortés. Escenografía, roupas: Carlos Alonso. Iluminación: Fidel Vázquez. Son: Xurxo Pinheiro. Vídeos: Cuco Pino. Deseño gráfico: Fausto isorna. Comunicación: Xana García. Fotografía: Mateo Bertolino. Produción: Patricia de Lorenzo, Xesús Ron.

En xaneiro de 1993 empezaron a facerse as Ultranoites na Nasa, ao mesmo tempo que a Xunta de Galicia inventaba un alter ego para incoporporarse ao futuro, o Xacobeo, surfeando sobre a marea de subvencións que chegaban da Unión Europea.
A Galicia xacobea e a Ultranoite medraron en paralelo sen cruzar nunca os seus camiños. Por unha chegaron cartos a chou, autovías, aeroportos, universidades, polígonos industriais, paseos marítimos, portos exteriores, auditorios, campañas publicitarias, fundacións de todo tipo e mesmo unha Cidade da Cultura que permanece en ruinas como símbolo dun país de ananos que quixo ser xigante. Mentres, a Ultranoite mergullouse en canles subterráneas onde o único alimento era o humor, a risa, a perrallada.
Agora, 20 anos despois, aproveitando este silencio temporal da Galicia xacobea, facemos unha paradiña no camiño da Ultranoite para botar a vista atrás con rencor, amargura, mala hostia e moita retranca e certificar musicalmente sobre o escenario a nosa derrota. Galicia segue imparable na súa perda de identidade. E a Ultranoite desborda personalidade.


SOBRE CHÉVERE
Chévere é unha compañía con 25 anos de traxectoria, comandada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Xron e Manuel Cortés. Neste tempo actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Chévere fixo espectáculos de moi diferentes estilos e formatos e ten traballado en espazos pouco convencionais: na rúa, en barcos, aeroportos, carpas de circo, escaparates, ríos, portos, recintos deportivos, edificios, radio, bares, aulas… Sempre co humor como filosofía e a risa como expresión, as súas obras levan ao palco os debates do presente cunha linguaxe contemporánea accesible a públicos moi diversos. 
Chévere creou a Nave de Servizos Artísticos-Nasa en 1992, un espazo cultural independente situado na cidade de Santiago de Compostela, ocupándose da dirección artística ata o seu peche a finais de 2011. Alí mantivo o seu cuartel xeral durante 20 anos e deu soporte a multitude de proxectos escénicos, grupos, autores e obras tanto locais como doutros territorios. Desde 2012, a compañía traballa en residencia no concello de Teo (A Coruña).
Nos últimos anos Chévere diversificou o seu teatro de operacións en distintas  áreas de actuación, como resposta á complexidade actual dos procesos creativos e á crise de financiamento da cultura. Participou en proxectos audiovisuais como Pepe O Inglés (serie emitida na TVG) ou Crebinsky, o filme (longametraxe). Executou innovadores proxectos de creación en internet como Amores prohibidos 2.0, xunto a un grupo de adolescentes. E converteu o seu teatro nunha ferramenta de divulgación, sensibilización e comunicación transversal a moitos sectores de actividade. Baste citar as experiencias teatrais realizadas para a divulgación da nanotecnoloxía, a colaboración cos Museos Científicos Coruñeses, o proxecto Escapárate de promoción do comercio de proximidade a través do teatro, os traballos para promover unha cultura da emprendizaxe ou as iniciativas de sensibilización sobre temas de igualdade, xénero e prevención da violencia machista.

Recentemente, os seus traballos Citizen e Eurozone obtiveron o recoñecemento da crítica e recibiron numerosos premios. Citizen, que se representou entre 2010 e 2013, obtivo cinco galardóns María Casares, mentres que Eurozone, un panfleto sobre a crise estreado en 2013, vén de recibir catro premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo.
 

COMPARTIR