Éxito de Pontevedra ao ser finalista como mellor proxecto europeo de aforro enerxético

50

A primeira xornada da viaxe do alcalde por diversos lugares de Europa para expoñer o modelo de cidade rematou en Bruselas cos eloxios do presidente do xurado dos X Premios Europeos de planificación urbana e rexional, Peter Wiberg, quen dixo na presentación dos finalistas que a candidatura pontevedresa contiña elementos moi interesantes de cara a sustentabilidade enerxética.
En concreto, falou da redución dos espazos urbanos destinados ao automóbil como eixo dun cambio de modelo encamiñado á eficiencia enerxética, con resultados espectaculares, como a redución en máis dun 60% no uso de combustibles fósiles.
O alcalde de Pontevedra ía acompañado do Xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e o representante da empresa Pettra, Santiago Fontán, impulsora da candidatura. Lores dixo que pagou a pena vir a este importante foro avalado polo Comité das Rexións da UE, e manifestou o seu orgullo por representar á cidade neste tipo de eventos que contribúen a situar a Pontevedra como punto de referencia internacional.
“O feito de estar seleccionados entre vinte lugares destacados en Europa pola súa aposta pola sustentabilidade é un éxito e un orgullo. Con estas accións imos posicionando o nome da cidade entre os especialistas en urbanismo, mobilidade e desenvolvemento sustentable”. De feito, entre as cidades presentes na exposición atopábanse Colonia e a rexión do Ruhr (Alemania), Piestany (Eslovaquia), Stzentes (Hungría), Pont-Chateau, Saint Georges, Montmelian, Burdeos ou Grenoble (Francia) e Limburg (Bélxica), por citar os exemplos con referencias xeográficas.
A exposición dos vinte exemplos seleccionados polo xurado internacional foi visitada por todos os participantes, e nela os paneis pontevedreses concitaron un grande éxito, do que falou Wiberg durante o acto de presentación do evento.  Neste sentido, destacou a heteroxeneidade da candidatura pontevedresa, que revelaba unha grande cantidade de elementos interrelacionados, desde a reforma urbana á mobilidade, cunha decidida potenciación da mobilidade peonil como base de todo o funcionamento da cidade.  Os proxectos seleccionados tiñan en común que eran iso: proxectos, algo que xogou en contra da candidatura pontevedresa, que non expoñía un proxecto propiamente dito, senón un modelo urbano sustentable en funcionamento.
Así foi proposto polos promotores españois, a Asociación de Urbanistas, con sede en Barcelona, que tamén propuxo un proxecto para convertir un antigo cuartel en Lleida nun ecobarrio.
As fontes enerxéticas alternativas fóron as que marcaron a eleción do xurado, que destacou un proxecto belga, outro suizo, un noruego e un francés. Este último referíase á integración arquitectónica dun pobo de 6.000 habitantes. O noruego era un proxecto para convertir en barrio residencial o antigo aeroporto da capital norueguesa; o belga o desenvolvemento territorial e socioeconómico da cidade de Limburgo, en Flandes, e o suizo un proceso de conversión entre consumo de combustibles fósiles a enerxías renovadas no cantón de Xenebra.
A delegación pontevedresa parte mañá para Italia, país no que lle agardan outros dous foros de estudio e debate: un relacionado coa mobilidade infantil, da man de Francesco Tonucci, e outro o congreso europeo de mobilidade de Firenze, donde Lores presentará unha ponencia titulada “A cidade que queremos, a cidade que facemos”, no marco da sesión dedicada á extensión das políticas peonís máis alá do centro das cidades.