A Xunta comeza a desbloquear os expedientes de Risga e de Emerxencia pendentes

81

O Concello de Pontevedra recibiu da Xunta esta semana seis resolucións positivas de Risga (das cales dúas son novas e catro renovacións), así como dez Axudas de Emerxencia, todas elas datadas no ano 2013. A concelleira Carmen Fouces, responsábel de Benestar Social Municipal, lembra que hai escasos días fixo unha denuncia pública da paralización destas axudas de emerxencia por parte da Xunta, que se trasladou ao Parlamento Galego, polo que confía en que estas resolucións sexan o inicio do fin.
O Concello denunciou que tiña pendente 113 resolucións de Risga pendentes (21 de 2013 e 62 de 2014), e 77 de axudas de emerxencia (33 de 2013 e 44 de 2014).
Carmen Fouces resaltou que aínda quedan pendentes moitas resolucións, pero considera un paso adiante que vaian chegando expedientes positivos e que os usuarios “comecen a recibir boas noticias e a Xunta amañe os problemas orzamentarios e de organización que provocaba esta situación”.
O Concello de Pontevedra tamén recibiu esta semana a noticia de que a Xunta concedía 6.000 horas máis no Servizo de axuda no fogar da Lei de Dependencia, que Benestar Social Municipal levaba reclamando dende hai máis dun ano. Segundo Carmen Fouces, o importante é que a Xunta vaia dando solucións a todas estas peticións de máxima gravidade, aínda que sexa a golpe de denuncia por parte do Concello.
Carmen Fouces asegura ignorar a incidencia que a campaña electoral poida ter nestas decisións pero, independentemente, “é preciso salientar a boa nova”.