O día 14 remata o prazo para solicitar unha parcela na Horta da Finca do Conde

91

O Concello de Pontevedra mantén aberta até o 14 de xuño o prazo para solicitar unha parcela na Horta urbana da finca do Conde que promove a Concellaría de Benestar Social. A normativa estará publicada no taboleiro do Concello e tamén na páxina web. Ofértanse 41 parcelas cunha superficie total de 1.300 metros cadrados.
A normativa de uso da horta urbana é a seguinte:
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.º Obxecto
A presente normativa ten como obxecto o establecemento das disposicions que han de rexer a autorizacion e uso da horta municipal comunitaria sita na finca coñecida como finca do Conde no Concello de Pontevedra dentro do programa agrocultura.
Artigo 2.º Ámbito de aplicación
Estas normas aplicaranse á parcela da finca do Conde, sita na rúa Conde Bugallal, de titularidade municipal, onde se desevolverán as hortas comunitarias.
Artigo 3.º Competencias e vixilancia 
Correspóndelle ao Concello de Pontevedra o exercicio das funcions técnicas de asesoramento, vixilancia e sanción do correcto uso dos terreos de propiedade municipal afectados por esta normativa, sendo as usuarias responsabeis do seu correcto uso, dos danos efectuados nos mesmos, nas súas instalacións e nos elementos empregados, sexan de titularidade municipal ou propia das persoas usuarias.
O Concello, polo método que determine inspeccionará as instalacións e recollerá as incidencias acaecidas que se comunicarán aos usuarios para que as subsane no prazo que se porá.
O Concello non se fara cargo de ningún desperfecto acaecido que sexa responsabilidade do usuario.
Artigo 4.º Procedemento de solicitude.
As persoas interesadas deberán achegar a seguinte documentación:

a) Instancia na que se solicita formar parte do proceso de adxudicación das hortas comunitarias, na que se autoriza ao Concello a recabar información do padrón municipal sobre a persoa solicitante a cal deberá estar dada de alta cunha antigüidade mínima de seis meses.

b) D.N.I.

c) Fotocopia do libro de familia se tivera menores a cargo.

d) Informe social se fose pertinente

Artigo 5: Criterios de adxudicación por orde de preferencia
a) Mulleres veciñas de Pontevedra con menores a cargo e con situación socioeconómica vulnerable, acreditado polos servizos socias.

b) Mulleres do barrio e da contorna.

c) Veciños da contorna.

d) Calquera persoa empadroada no Concello de Pontevedra nos últimos seis meses.

Cada solicitante podera ser adxudicataria/o dunha soa parcela


Artgo 6 Sistema de adxudicación
A concellaría de BSM designará unha comisión constituida por:

a) A concelleira ou concelleiro de BSM ou persoa en quen designe

b) Xefa de servizo de BSM

c) Directora do CIM

d) Representante da concellaría de medio ambiente

e) Representante da Policia Local

A adxudicación das parcelas correspóndelle ao Concello quen atenderá aos criterios de adxudicación recollidos no artigo 5, puidendo optar polo sorteo ou calqueira outro criterio que considere acaído en caso de empate, determinándose as puntuacións pola comisión baremadora.

Artigo 7º- Uso das hortas.
a) O/a usuario/a só poderá utilizar ou destinar o terreo que se concede para uso de horta.
b) Non se permite a plantación de froiteiras
c) En ningún momento se permitirá o uso, cría ou explotación de calquera animal nas hortas.
d) Queda expresamente prohibida a construción de cabanas, pozos, invernadoiros ou realizar calquera outro tipo de investimento que non poida ser retirado ao final da campaña.
e) O/a usuario/a da horta será responsábel do mantemento e coidado das instalacións inherentes á horta, así como daquelas que sexan de uso común para os usuarios da zona.
f) Non está permitida a instalación de elementos que deterioren a paisaxe, ou que alteren as instalacións existentes.
g) Cando o informe de inspección sobre o estado dunha horta ou terreo en cuestión sexa negativo ou desfavorable durante dúas ocasións ao longo da autorización, producirase a revogación do uso, sendo iso, motivo de baixa, aínda que se realice a correspondente solicitude de continuación por parte do usuario.
h) Durante os dous meses anteriores ao remate do prazo de extinción da autorización outorgada o usuario que desexe seguir usando da horta deberá facer a correspondente solicitude de prórroga.
i) As horas de sego estarán previamente estipuladas polo concello.
j) Disporase dun depósito de auga para regar a man fora das horas de rego estabrecidas.

Artigo 8º.- Transferencias de usuarios.
O uso dos terreos non poderá transferirse nin/ou cederse a un terceiro, baixo ningún concepto. Así mesmo, queda prohibido permitir a outro a ocupación ou utilización total ou parcial dos terreos, nin sequera provisionalmente. O incumprimento destas obrigas, determinará a extinción automática da autorización, quedando facultado o Concello para recuperar por si a posesión do terreo.

Artigo 9º.- Prazo de aproveitamento.
O aproveitamento e/ou uso do terreo concederase por un máximo de dun (1) ano, a contar dende comunicación da autorización, podendo prorrogarse anualmente até un máximo de dous (2) anos, debendo a persoa interesada en continuar coa autorización solicitar a prórroga anualmente e antes do cumprimento do prazo.

Artigo 10º.- Uso e mantemento das instalacións comúns.
Os/as usuarios/as da zona deberán constituírse como agrupación, comunidade ou similar, de tal forma que en todo momento se dispoña dun interlocutor responsable ante o Concello.
Os/as usuarios/as das hortas serán responsábeis de forma solidaria do mantemento e correcto estado de operatividade, boa imaxe e seguridade das instalacións.
As persoas usuarias de hortas que non cumpran coas súas obrigas dentro da agrupación, comunidade ou similar, ademais de sufrir as responsabilidades xurídicas que procedan, poderán ser dadas de baixa como usuario das hortas.
Prohíbese o estacionamento de vehículos dentro de todo o recinto (hortas, camiños de repartición, zona de servizos, entrada, etc).

Artigo 11º.- Causas de resolución da autorización.
Sen prexuízo dos supostos contemplados nos artigos precedentes, constituirán causas expresas de resolución da autorización, as seguintes:
a) Baixa voluntaria a petición do propio usuario.
b) Falecemento ou invalidez do usuario
c) Non realizar a solicitude de renovación no prazo establecido
d) O abandono da horta
e) Posuír informe de inspección desfavorable por dúas veces durante a autorización.
f) Transferencia ou cesión do uso do terreo a un terceiro sen autorización municipal.
g) Non constituírse como membro da Comunidade ou Agrupación en Zona Ordenada de Hortas, nin cumprir coas obrigas que, como membro da mesma, lle competan.
h) Proceder á alteración, manipulación ou modificación da rega existente sen a autorización municipal.
i) Revogación unilateral, sen dereito a indemnizacións, por razóns de interese público en calquera momento.

Artigo 12º.- Responsabilidades.
As accións ou omisións que infrinxan o prevido na presente Normativa, sen prexuízo de que poidan dar lugar á revogación da autorización tal como se prevé no art. 11 e da responsabilidade en vía penal, civil ou doutra orde que poida derivar das mesmas, poderán dar lugar á imposición de sancións unha vez sexa aprobada a correspondente ordenanza reguladora namentres os incumprimentos xenerarán un apecibimento e no suposto de reiterarse os mesmos procederase a revogación da autorización.
Nos supostos en que as infraccións puidesen ser constitutivas de delito ou falta, a Administración pasará o expediente ao órgano xurisdicional competente.

Artigo 13º.- Indemnización de danos e prexuízos.
Toda persoa que cause danos nas hortas municipais ou instalacións anexas ás mesmas deberá indemnizalos con independencia das sancións que resultaren procedentes.
O sinalamento da contía dos danos e prexuízos causados en tales lugares ou instalacións corresponde ao Concello de Pontevedra. A valoración ou valoracións serán trasladadas ao denunciado para que realice a súa ou presente as alegacións que considere oportunas.
O acordo de indemnización que conterá o sinalamento dos danos e prexuízos causados realizarase na resolución que poña fin ao expediente sancionador.
Os acordos de indemnización de danos e prexuízos, serán executivos nos prazos legalmente fixados, sen que a interposición do recurso suspenda a execución do acto impugnado, salvo que, conforme co ordenamento xurídico, así o ordene o órgano competente.
En caso de falta de pagamento da indemnización sinalada dentro do prazo establecido, o Concello procederá á súa esixencia pola vía de prema.

Artigo 14º.- Reparación de danos en caso de urxencia.
Nos supostos nos que, por motivos de seguridade ou calquera outros debidamente acreditados en resolución do órgano municipal competente, fora inaprazable a reparación de danos e prexuízos, poderá procederse á súa inmediata restitución e á esixencia posterior do importe correspondente ao causante dos mesmos, previa incoación do expediente sancionador a que se refiren os artigos precedentes ou acudindo á xurisdición ordinaria.

Ver documento PDF

COMPARTIR