O Banco de Libros de Texto recollerá manuais para o vindeiro curso a partir do 23 de xuño

101

O Concello de Pontevedra pon en marcha a terceira edición de Banco de Libros de Texto para o próximo curso 2014/2015. Esta iniciativa pretende ser algo máis que un instrumento de aforro, e para iso a Concellaría de Benestar Social Municipal quere sensibilizar ao alumnado, as súas familias e ao profesorado para que o aproveitamento de recursos valiosos como son os libros, sexa unha actitude vital.
O modo de participar no Banco de Libros de Texto pode ser a través da doazón ou da solicitude dos manuais que sirvan para o próximo curso. Poderán participar as familias con rapaces que cursen dende 3º de primaria até 2º de bacharelato.
Todos os interesados en doar os seus libros de texto poden facelo tanto nos centros educativos coma na Casazul, dende o 23 ao 27 de xuño, en horario de 10 a 14 horas e de 16.30 a 19.30 horas.
O concello, despois de clasificalos e facer os lotes, enviará mensaxes ao móvil para que as familias os vaian a recoller á Casazul. Todos os libros serán entregados no mes de xullo.
A Concellaría xa enviou hai 15 días documentación e material aos centros escolares para informar aos pais dos rapaces sobre a doación de libros.
Ademais, dende a Concellaría quere facerse un chamamento á sobriedade dos centros de ensino e dos claustros de docentes para que non se cambien os manuais que xa foron substituídos o pasado ano. E no caso de introducir novidades que se complementen os libros con outro tipo de documentación educativa, sen ter que mercar un novo manual co conseguinte desenvolso para os pais.
Dende a Concellaría de Benestar Social solicítase a colaboración de todos para poder engrandecer un proxecto que beneficia a todos, poñendo a educación e a igualdade de oportunidades como base dun proxecto que nos enriquece e que chegue a todos os recunchos e o maior número de familias.
O pasado curso a Concellaría de Benestar Social Municipal repartiu 4.615 libros a través do Banco de Libros de Texto: 1.987 de primaria, e 2.419 de secundaria, e só 211 de bacharelato.