Os discapacitados que participan no 5+5 adestran para a primeira cita do Hefesto

100

A Concellaría de Benestar Social Municipal inicia este sábado a primeira das actividades do programa Hefesto 2014, que se centrará no eido do deporte. Cabe lembrar que Hefesto pretende ser programa innovador e atractivo no eido da discapacidade, abríndoa a novas experiencias e creando un espazo urbano inclusivo. Forman parte de Hefesto as seguintes asociacións: Amizade, Xoán XXIII, Xuntos, Amencer e Centro Méndez Núñez.
Hefesto 2014 planea tres accións distintas: dúas vinculadas co mundo do deporte, e a terceira é a celebración do Día internacional da Discapacidade, que será o vindeiro 3 de decembro. As dúas accións deportivas son a participación na carreira 5+5 organizada polo Instituto Municipal de Deportes, así como na Marcha sobre rodas, do vindeiro 6 de xullo.
Na 5+5 deste sábado, 14 de xuño, está previsto que participen arredor de 20 persoas con discapacidade (tanto físicas como psíquicas) acompañadas doutros tantos voluntarios. 
Na proba soará a canción oficial do programa Hefesto, e haberá unha solta de globos co logo do programa. Tamén participará un speaker con discapacidade que estará xunto ao speaker oficial da proba, animando á xente a participar. Haberá un photocall móbil para que as persoas que o desexen poidan apoiar o programa.
Para asistir á carreira 5+5, as 20 persoas con discapacidade están a realizar traballos de adestramento durante a semana. Unha das sesións programadas é a de mañá, martes, 10 de xuño, de 10.30 a 12.30 horas pola praza de España e pola avenida de Montero Ríos. O adestramento farase baixo a dirección do preparador e atleta profesional, Víctor Riobó.
Ao respecto da segunda acción do programa Hefesto, está previsto a participación na “Marcha sobre rodas” organizada por Amencer-Aspace con motivo do ano galego da parálise cerebral. Será o vindeiro 6 de xullo.
O programa pechará o 3 de decembro, nun acto público aberto de celebración do Día internacional das persoas con discapacidade. Neste acto poderase ver o vídeo gravado nas diferentes accións de Hefesto.

COMPARTIR