ASPACE organiza o 6 de xullo a primeira Marcha sobre Rodas na cidade

80

ASPACE-Galicia en colaboración co Concello de Pontevedra, organiza o vindeiro domingo, 6 de xullo, a partir das 11.30 horas a “I Marcha sobre Rodas ASPACE” para conmemorar o Ano Galego da Parálise Cerebral. A visibilidade do colectivo e pór en valor as capacidades das persoas con parálise cerebral son o obxectivo principal da marcha, así como a reivindicación da inclusión destes colectivos e a súa accesibilidade no ámbito urbano como cidadáns de pleno dereito.
A marcha de ASPACE é a segunda acción do programa Hefesto 2014 da Concellaría de Benestar Social Municipal. A primeira foi a carreira Pontenoite 5+5 celebrada a primeiros de mes. Hefesto pretende conectar de xeito atractivo e inclusivo o mundo da discapacidade con ámbitos cos que habitualmente sonlle alleos.
A marcha partirá da praza de España ás 11.30 horas e durante media hora percorrerán as distintas rúas e prazas da Zona Monumental.
Poderán participar todas as persoas interesadas que acodan con vehículos con rodas non motorizados, aínda que tamén poden participar todos aqueles que queran amosar o seu apoio a estes colectivos.
Xunto a ASPACE Galicia colaboran tamén os seguintes colectivos:
• Down Pontevedra-Xuntos
• Asociación Alba
• Juan XXIII
• Amizade
• Amencer-ASPACE
• Federación ASPACE
• Centro Méndez Núñez

  Eulogio López, Presidente Xerente de ASPACE-Galicia, subliñou a importancia de concienciar dos problemas de mobilidade e accesibilidade dos colectivos e destacou que “as persoas con parálise cerebral teñen problemas de mobilidade. Nos últimos anos as cidades fomentan a accesibilidade e Pontevedra é un modelo nesta materia, pero aínda queda moito que facer. Tódolos colectivos poñense a dispor dos concellos para aportar o noso gran de area para avanzar en aras da accesibilidade”.
Tras a marcha haberá na praza de Mugartegui unha fin de festa cun posto de tapas con polbo.
 

COMPARTIR