Antía Chamosa convértese nunha das promesas máis firmes do atletismo pontevedrés

139

A marchadora pontevedresa Antía Chamosa Dacasa, que compite na categoría cadete, foi recibida hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, en recoñecemento ao seu excepcional rendemento durante as dúas últimas temporadas, nas que acumula un total de 5 medallas de ouro e dúas de prata nas distintas modalidades dos campionatos de España de atletismo.

O último éxito produciuse o pasado mes de xuño, cando acadou a medalla de ouro durante o Campionato de España de Atletismo en pista, a cita máis importante do ano. Antía acadou, ademais, a única das preseas obtidas por unha delegación galega que estivo composta por 34 atletas. Méritos que a converten nunha das promesas máis sólidas do atletismo pontevedrés.

A deportista local, que estivo acompañada polo seu pai, compite este ano baixo as cores do club Comesaña. Durante o seu paso pola categoría cadete, na que remata este ano, ten marchado nos campionatos de Galicia e nos de España en Ruta, en Pista, por Federacións e de Inverno. As probas, nesta categoría de idade, desenvólvense nas distancias de 3.000 metros (pista) e de 5.000 metros (ruta).

O seu obxectivo para o ano próximo, xa como xuvenil, é o Campionato do Mundo, que se vai celebrar en Colombia.

Agustín Fernández agradeceu o esforzo de Antía, a quen puxo como exemplo de esforzo e superación, ao ser quen de compatibilizar unha práctica deportiva de alto nivel cos estudos.

O concelleiro, que lembrou que Antía traballou como voluntaria na organización do Campionato de España de Marcha en Ruta, celebrado en Pontevedra en 2012, interesouse polos plans futuros da atleta local e desexoulle a máxima sorte na súa carreira deportiva.