O Banco de Libros de Texto supera a súa primeira fase con máis de 1.000 solicitudes

76

O Banco de Libros de Texto superou a primeira etapa de entrega de manuais atendendo a 1.014 solicitudes. Segundo as estatísticas desta primeira fase, fixéronse lotes de 4.421 libros dos cales 1.593 son de Primaria e 2.828 de Secundaria e Bacharelato. A día de hoxe, o Banco de Libros xa igualou os datos de toda a anterior campaña.
Tamén cabe resaltar que non se puideron atender 51 peticións por ser de centros de ensino que cambian os seus manuais, e outras 46 tampouco se puideron atender porque solicitan manuais de primeiro e segundo de Bacharelato, dos que non hai suficientes doazóns.
O Banco de Libros de Texto vaise poñendo en contacto por teléfono coas familias solicitantes e até o de agora 784 familias xa se achegaron até os baixos da Casazul, onde está o banco, para recoller 3.903 manuais.
Cabe lembrar que o Banco de Libros estará aberto durante toda a vindeira semana (do 21 até o 24 de xullo) para ofrecer os excedentes a todos os usuarios que aíndan non teñan completos os seus libros de Primaria. O Banco de Libros estará aberto de 10.00 a 13.00 horas.
A Casazul dispón de moitos manuais de Primaria, polo que informa a todas as persoas que queiran solicitar libros que poden achegarse até a Casazul a recollerlos. Non é preciso que acheguen nada, dado que neste momento o Banco xa non recolle libros.
Ao respecto dos libros de Secundaria, aínda queda pendente que se resolva a convocatoria de setembro, polo que o Banco abrirá as súas portas do 8 ao 12 de setembro entre as 10 e as 13 horas, e de 16.30 a 19.30 horas.
Ao respecto dos libros de Bacharelato, especialmente de segundo, o Banco de Libros de Texto quere facer un chamamento ás familias e aos estudantes para que donen os seus manuais a este banco para así poder satisfacer as peticións das familias, dado que é o curso do que menos doazóns existen. Cabe lembrar que estes estudantes cambian de ciclo académico para o seguinte ano, e xa non lles darán uso aos libros.
A Concellaría de Benestar Social Municipal quere agradecer a participación de todas aquelas persoas que creen neste programa como unha fórmula de reutilización dos manuais e de prolongación da súa vida útil, a pesar de que en algúns casos son moitas máis as doazóns das familias que entregas que se lles fan.

COMPARTIR