Pontevedra desde os ríos, un percorrido histórico polas Moureiras

139
Esta tarde inaugúrase unha exposición de fotografías históricas na avenida de Rosalía Castro, diante da fachada da Audiencia, realizada polo Concello a iniciativa da Asociación de Veciños de San Roque.
 
A expo, baixo o título “Pontevedra desde os ríos” é un percorrido por numerosas fotografías históricas, algunhas máis coñecidas que outras, sobre o diálogo que a cidade sempre mantivo coa ría e o río.
 
Divídese en 4 partes: a Ponte do Burgo, a Ponte da Barca, as Corvaceiras e Mollabao – río dos Gafos. Cada unha delas contén unhas 30 imaxes antigas do ámbito urbano das Moureiras e a súa área de influencia.
 
Os textos, elaborados polo xornalista Óscar Viéitez, van guiando ao espectador con datos históricos, curiosos e anecdóticos, para facer un percorrido máis ameno e instructivo.
 
Eis os textos:
 
A ponte do Burgo
 
Cara 1
Causa directa da súa existencia, a ponte do Burgo é un dos símbolos da cidade de Pontevedra. Foi construída polos romanos seguindo o trazado dunha das súas principais rutas de comunicación terrestre: a vía XIX. 
A ponte mantívose en pé ata mediados do século XII, aínda que en tan mal estado que foi necesario facer unha nova ao seu lado. Pero cando isto sucedeu xa servira para bautizar o núcleo de poboación que estaba a formarse, o burgo "ponte vella" en alusión á súa decrepitude. 
Nesta ponte do Lérez cítanse en 1165 o rei leonés Fernando II e o portugués Alfonso Enríquez para asinar a paz, "super flumen Lerice, in vetula ponte".
A ponte medieval contaba con 15 arcos rebaixados de medio punto, ademais de dous importantes estribos nas cabeceiras, e a anchura da súa calzada era inferior a 3 metros. 
Está realizada en silleria moi modificada por ampliacións posteriores.
 
Cara 2
A ponte do Burgo é paso obrigado do Camiño Portugués de peregrinación a Santiago.
A mediados do século XIX retirouse un cruceiro de pedra que se encontraba en pleno centro da ponte para ser restaurado e trasladado á praza da Leña, onde segue a día de hoxe.
Cara a 1890 substituíronse os vellos peitorís de pedra por unha nova varanda metálica. 
 
Cara 3
Entre xuño de 1953 e setembro de 1954, reforzase a estrutura e ampliase o ancho da calzada coa execución de novos arcos apoiados nos contrafortes. 
Coa mellora da estrutura e a ampliación da calzada, retiraríase o cableado do tranvía substituíndoo polo novo tendido para o trolebús a Lérez, que entraría en funcionamento o día 7 de xaneiro de 1955.
En 1954 durante as obras habilitouse unha pasarela peonil mentres o tráfico rodado era desviado pola ponte da Barca. 
 
Cara 4 
O vello barrio da Moureira conformou o núcleo mariñeiro medieval e xogou un moi importante papel na puxanza da cidade dende o século XII, que culminou coa época de esplendor da vila durante os séculos XV e XVI, período de tempo en que Pontevedra foi a poboación máis grande e rica de toda Galicia. 
Non obstante, dende finais do século XVII, as guerras e as epidemias de peste unidas a unha progresiva perda de calado do Lérez conduciron unha fortísima perda de poboación e á fin do importante porto pontevedrés.
Durante séculos Pontevedra contou unicamente coa ponte do Burgo para cruzar o río Lérez. No ano 1197 os monxes beneditinos administraban un servizo de barcas para permitir o paso entre as dúas marxes, o cal se mantivo ata mediados do século XIX, xestionado xa na súa última etapa pola Sociedade de Mareantes de Pontevedra.
 
 
A ponte da Barca
 
Cara 1
Cara a 1867 comezouse coa planificación e construción dunha ponte de madeira que puidese substituír o servizo de barcas existente. Foi rematado e entrou en funcionamento no ano 1871, baixo a dirección do arquitecto Ricardo Aróstegui, sendo bautizado como ponte da Barca e para utilizalo debía aboarse o importe dunha peaxe. 
A estrutura contaba con moi pouca altura sobre o río, polo que tivo que habilitarse un tramo levadizo que permitise abrir paso ás grandes embarcacións que se dirixían aos peiraos da Galera e O Burgo.
Co paso do tempo e as acometidas de varias embarcacións a ponte de madeira deteriorouse, acabou provocando que as condicións de seguridade para os que se aventuraban a cruzalo fosen mínimas. Por outro lado, o sistema de izado da parte levadiza era tan ruidoso que se oía en media cidade. E por se non fose pouco, era de pagamento. Toda unha obra de enxeñaría que no fin dos seus días os veciños converteron en cacharela de San Xoan.
 
Cara 2
En 1887 comezan os traballos de construción da nova ponte, coa execución dos grandes estribos de cachotaría de ambas as dúas marxes e os seus accesos, rematando estas operacións en 1897. 
Problemas de financiamento paralizaron a obra sete anos ata que Riestra, especialmente interesado nesta nova infraestrutura que daría un servizo vital á súa fábrica de tellas, sufragou con 30.000 pesetas a construción do arco metálico central e do taboleiro.
 
Cara 3
As estruturas metálicas estaban moi de moda a finais do século XIX, época na cal se construíu a torre Eiffel de París (1889), pero os arquitectos Eduardo Fungueiriño e Luis Acosta, non tiveron en conta foi o efecto da salinidade da desembocadura do Lérez, e a ponte sufriu unha profunda corrosión da estrutura metálica. 
No mes de maio de 1945 péchase a ponte ao tráfico. O ferro, de pésima calidade, tivo que ser substituído polo actual de formigón armado. Aproveitouse tamén esta actuación para incrementar a anchura do taboleiro, tanto no van central coma nos accesos.
De forma provisional habilítase a finais dese mesmo ano unha pasarela peonil para permitir o paso entre as dúas beiras durante a execución das obras.
 
Cara 4
A inauguración oficial da ponte do tren tivo lugar o 23 de xullo de 1899. Ata entón, Pontevedra só estaba conectada por ferrocarril con Redondela cara Vigo. A ponte do tren formaba parte da liña Pontevedra-Carril, de 32 quilómetros de extensión.
Despois de 67 anos de servizo, a entrada en funcionamento da nova estación no verán de 1966, deixou sen uso a vella ponte do tren
 
 
As Corbaceiras
 
Cara 1
A Moureira era o barrio onde residía o gremio de Mareantes. Este arrabal mariñeiro, dedicado á pesca e salgadura do peixe, estaba situado extramuros, estendíase desde a ponte do Burgo ata a desembocadura do río Gafos.
A Moureira cobra importancia como consecuencia do bo calado do río Lérez no medioevo, o que permite a arribada de grandes barcos con peixe e mercadorías de todo tipo. Era tan marinero o barrio, que ata tiña algunhas pequenas praias onde varaban as gamelas. 
 
Cara 2
Na Moureira de arriba situáronse os astilleros e talleres relacionados co mar. Na da Barca, desenvolvíase a actividade comercial. E na Moureira de Abaixo, o emblema do barrio, estaba a zona dos peiraos, con algunha fábrica de salgadura de peixe. 
Como mostra do poder do barrio, o Gremio de Mareantes cos excedentes das vendas decide construír no século XVI a basílica de Santa María. 
 
Cara 3
O actual barrio de San Roque correspóndese coa vella Moureira de Abaixo, arrabalde mariñeiro situado entre a desembocadura do río Gafos e as proximidades da ponte da Barca.
A capela de San Roque erixiuse inicialmente no ámbito das Corbaceiras, preto do porto, como símbolo de protección contra os afectados pola peste que puidesen chegar de ultramar. Ao longo da súa vida sufriu diversos traslados, ata que en 1862 se instalou na súa situación actual.
A finais do século XIX o barrio aínda conservaba o encanto mariñeiro, aínda que a unha escala máis local que en séculos anteriores. Os seus peiraos acollían o lañado da sardiña, a recepción do marisco, mesmo a poxa dos lotes de percebes que os veciños de Ons traían en barcos.
 
Cara 4
Os mariñeiros do xeito adicábanse fundamentalmente a sardiña, merluza e congrio, abundantes na fértil ensenada do Lérez. Para o cerco empregábanse barcos a vapor.
A Moureira tamén estaba chea de embarcacións a vela que acudían a Pontevedra con mercadorías coma o barro, a leña e o cal. Os principais destinatarios eran a fábrica de tellas da Caeira, pero tamén os fornos de cal situados nas inmediaciones do río. Seguen os barcos dedicados ao comercio exterior, que traían as madeiras de importación e tamén sal ou ladrillos.
Dende A Moureira exportábase ao Mediterráneo e aos portos do Norte europeo salgadura e, especialmente, toneis de viño do Ribeiro, a mercadoría por excelencia do porto pontevedrés. 
 
Río dos Gafos e Mollabao
 
Cara 1
No seu percorrido pouco máis de dez quilómetros o río ten diversas denominacións populares. O nome dos Gafos provén do tramo da súa desembocadura no que atravesa a vella Moureira, onde na época medieval existiu xunto á canle un hospital de gafos, é dicir, de enfermos de lepra. 
De devandito hospital únicamente consérvase na actualidade parte dun dos seus edificios, construído no século XVI, e que é fácilmente identificable polo seu porche formado por seis piares de sección cadrada.
O Gafos tivo unha ponte de ferro peonil que unía Corbaceiras e Mollabao, a segunda construíuse en formigón fronte á antiga fábrica de conservas Ural.
A primeira vivenda en dispoñer de auga corrente foi, no ano 1897, o palacete das Mendoza, polo tanto ata ben entrado o século XX as mulleres acudían a lavar a roupa aos lavaderos das marxes do Gafos, xa que había unha prohibición municipal de realizar estes labores na canle do Lérez. 
 
Cara 2
A Capela dos Santos saudaba dende Mollabao a todas as embarcacións que entraban en Pontevedra. Foi mandada construír en 1737 pero a mediados do século XIX o templo mariñeiro foi abandonado.
As ‘entalladas’ no río Rons e o xeito atravesado na ría, eran as artes pesqueiras máis utilizadas naquel entonces en Pontevedra.
Os barcos xeiteiros tiñan unha tripulación de seis homes dedicados á captura de xouba ou sardiña. Os vapores traballaban ao cerco e contaban con máis de 30 integrantes para pescar xurelo e robaliza que desembarcaban directamente nos peiraos do Lérez e os de Teseláns, Vilas, Ogando e Forniños que eran os peiraos de atraque dos Gafos.
 
Cara 3
As motoras a vapor traían o barro para a fábrica de tellas, e a caliza que enfornaba e convertida en cal, se empregaba na construción e como desinfectante. O forno pertencía á familia Casalderrei, en Mollabao. Chamábase Caleras del Lérez. 
Tamén estaba a fábrica de Pazó onde se facían motores, reparacións navais, e mesmo durante a guerra se fundiron pistóns para reparar motores de aviación.
 
Cara 4
A estampa da ría completábase coa Casa de Baños da familia Fonseca, na que se instalou na Guerra Civil o exército coa banda de música e unha corte de mulas.
A partir dos anos 50 a fachada marítima de Mollabao mudou coa construción da autovía Marín-Pontevedra pola costa.
COMPARTIR