Colaboración coa Federación de xordos poñendo a súa disposición unha intérprete

118

O Concello de Pontevedra colaborará dende mañá coa Federación de xordos de Galicia na contratación dunha intérprete que estará a disposición dos asociados da federación para todas as xestións que precisen facer no seu día a día. Estará na Casazul en horario de mañá.

Esta colaboración foi presentada esta mañá pola concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces e pola vicepresidenta da Federación, María del Carmen Fernández.

Segundo explicou Carmen Fouces o obxectivo desta colaboración é tentar de igualar situacións de comunicacións entre xordos e oíntes, garantindo unha comunicación real especialmente en ámbitos tan complexos como o médico, os tribunais, a administración…

Tamén pretende fomentar a autonomía persoal, o grao de independencia, e visibilizar ás persoas xordas que conviven entre nós.