O Pontillón do Castro acolle a primeira experiencia 12 horas Non Stop de bicicleta de montaña

64

A contorna do encoro do Pontillón do Castro (Verducido) será o escenario da “Pontevedra Non Stop-12 horas BTT”, un evento novidoso que chega o próximo 4 de outubro con vocación de permanencia e como unha aposta máis polo ciclismo de monte nunha cidade cunha paisaxe privilexiada, como é Pontevedra.

A proba, que ten carácter non competitivo, foi presentada hoxe polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado do xerente da empresa organizadora GlobalDXT Pontevedra, José Víctor Cimadevila, e o representante do club A Roda do Demo, Marcos Narciso.

Esta é unha proba pouco habitual, pois nun circuito de 10,5 Km. Está concibida como un reto persoal baseado na diversión e no espírito de superación. Aínda que, como subliñaron os organizadores calquera persoa que adoite saír as fins de semana en bicicleta pode afrontala sen problemas. Máis aínda cando é posible a inscrición individual, pero tamén en equipos de dous, tres e ata catro participantes tanto masculinos, como femininos ou mixtos. O prazo de inscrición está aberto ata o próximo 20 deste mes de setembro na web www.globaldxt.com ou directamente no hotel Avenida de Pontevedra.

Un dos maiores alicientes será a montaxe dunha espectacular zona cero na que non faltarán carpas de exposición de bicicletas, zona de quecemento con bicicletas de “spining”, área de relax con bar, duchas, comedor, música e agasallos para os participantes. Os participantes terán coa inscrición seguro de accidentes, ambulancia medicalizada, atención por parte de Protección Civil, unha bolsa do corredor, avituallamento sólido-líquido durante a proba e a posibilidade de ter comida e merenda no comedor habilitado. Haberá tamén un espazo para a montaxe de carpas de equipos ou individuais.

A pesar do carácter non competitivo, hai cronometraxe a cargo de Championchipnorte. Estes datos serán entregados a cada participante ó rematar a proba, cun diploma acreditativo.

Agustín Fernández destacou o oco que progresivamente está a gañar o “mountain bike” no deporte pontevedrés, pois este ano é a segunda proba da especialidade que conta co apoio da Concellería de Deportes e o Instituto Municipal de Deportes.

Ademais, aproveitou o acto para denunciar as sabotaxes que está a sufrir o ciclismo de monte con actos delitivos como o producido recentemente no monte Alba de Vigo, cun ciclista con graves lesións a causa dunha pedra colocada nunha área de salto. Fernández recalcou que os “bikers” axudan a manter abertos camiños e sendeiros e son verdadeiros activistas ambientais denunciando verteduras contaminantes e de entullos ou alertando de incendios. Non fan ningún dano no monte, senón todo o contrario, recalcou.

Jose Víctor Cimadevila subliñou que o importante nunha proba como ésta é gozar do día. É unha proba para todo o mundo, subliñou, porque os que non estean capacitados para afrontala individualmente teñen a opción dos equipos, co que a participación pode limitarse ata unha media de tres horas.

Máis información, incluíndo vídeo promocional da proba, en www.globaldxt.com e tamén en Youtube.