Manaia proxecta no Principal un documental sobre adolescentes chinesas adoptadas

95

O Teatro Principal acolle este sábado, 13 de setembro, a partir das 18.00 horas a proxección do documental "Generación Mei Ming, miradas desde la adolescencia" de David Gómez Rollán. Esta proxección está promovida por Manaia, asociación galega de axuda á adopción, que está incluída dentro do programa Hedra da Casazul. Cabe lembrar que este proxecto ten por obxectivo consolidar o tecido social do Concello de Pontevedra impulsando e favorecendo o movemento asociativo que atinxe ao eido do benestar social.
A implantación da lei do fillo único en China conlevou o cambio na planificación familiar de millóns de persoas e tivo como consecuencia, entre outras, o abandono de nenas e, en menor medida, nenos. En España coñeceuse aquel drama a través do documental "As habitacións da morte", presentado por Documentos TV, onde se retrataba a situación na que vivían os menores abandoados en orfanatos do país asiático a principios dos 90. Trala emisión daquel documental espertouse en España o interese pola adopción de menores chineses, o que propiciou o boom de adopciones españolas no país asiático nos últimos anos do século XX e primeiros do XXI. Hoxe aquelas primeiras nenas están atravesando a adolescencia, unha etapa crave e complexa, chea de interrogantes sobre as súas orixes, a súa adopción e a súa identidade.
En "Geración Mei Ming: miradas desde la adolescencia" recóllese a historia de seis desas mozas procedentes de China que actualmente teñen idades comprendidas entre os doce e os dezasete anos e viven en diferentes puntos de España. As mozas e os seus pais reflexionan sobre a sua adopción, a integración, a diferenza, a identidade, o sentirse de ningún lugar, o porqué do seu adopción e o seu abandono, a súa familia biolóxica e o seu país de orixe. O documental mostra a corazón aberto os sentimentos dos seus protagonistas, ensinando un pedazo da vida logo da adopción.

COMPARTIR