Unha traballadora municipal apoia os proxectos do Fondo galego de cooperación en Cabo Verde

73

 Unha traballadora do Concello de Pontevedra desprazarase até Cabo Verde este sábado para apoiar os proxectos de desenvolvemento impulsados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o Concello de Pontevedra é socio.
Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral no consistorio pontevedrés, colaborará no fortalecemento dunha cooperativa de mulleres artesás na municipalidade caboverdiana de Ribeira Grande, co fin de promover a igualdade de xénero. Este proxecto busca fomentar alternativas de emprego.
Vacacións con Traballo é sobre todo un programa de sensibilización no que as e os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. Ao tempo, supervisan as actuacións que o Fondo Galego cofinancia nos países empobrecidos e exploran novas vías de colaboración.
Durante a estadía, comparten as súas vivencias nun blog, mentres que á volta elaboran unha memoria e toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta novena edición de Vacacións con Traballo, que contou con sete candidaturas doutros tantos consistorios, serán 30 as empregadas e empregados municipais e provinciais que viviron esta experiencia. Os vídeos nos que boa parte delas e deles expoñen as súas reflexións están dispoñibles na canle do Fondo Galego en Youtube.

COMPARTIR