Na beira do río. Diálogos na pintura

133

A sala de exposicións do Pazo da Cultura abre esta tarde a nova exposición de Na beira do río. Diálogos dende a pintura coas autoras Dolores Gálbez/Belén Padrón, e comisariada por Ramón Rozas. A exposición estará aberta até o vindeiro 16 de  novembro.

¿Pode servir a pintura como xeito de encontro entre diferentes xeracións? E porqué non. A seguinte experiencia plantéxase a partir dese enfrontamento, da construción dun diálogo artellado dende as propostas individuais de dous artistas que xorden en épocas diferentes, con formacións e situacións vitais alonxadas entre si, respondendo, polo tanto, a diferentes inquedanzas e paisaxes sociais. Un xeito de contrapoñer tempos polos que foi fluindo a pintura como un río para significarse como parte da nosa esencia cultural. Cada pintor reflicte coa súa obra un espazo e un tempo concreto, preguntémonos qué podería suceder se vencellamos ambas liñas temporais? se entrecruzamos esas cronoloxías na procura de respostas, pero tamén na lectura dun tempo novo, o noso. O cauce de dous ríos que aflúen a outro maior. É por iso que este proxecto xorde dende o debate e a confrotación de diferentes dialécticas, que poidan confluir neste novo ámbito de integracións e mestizaxes, por que a pintura, dentro da súa infinita gama de posibilidades, tamén nos pode servir para enfrontarnos ó paso do tempo. Para enfrontarnos a nós mesmos.
Este tipo de encontros plantéxanse como unha cita anual, na cal se enfrontan a maneira de achegarse á sociedade e a arte por parte de dous artistas pertencentes a diferentes xeracións, separadas por un tempo razoable que xustifique ese diálogo. A exposición desenrólase en tres apartados: por unha banda, un espazo común, onde os artistas interactúan de xeito directo dende a súa obra, contrapoñendo linguaxes, conceptos ou discursos na procura dese fructífero debate; e por outra dous percorridos paralelos onde cada artista amosará as súas preocupacións no terreo estético como xeito de argumentar a súa proposta anterior en base á sensibilidade propia.
Como dietario da experiencia tamén se propón a realización dun catálogo que deixe constancia deste tránsito común que co paso das edicións pode servir como reflexión sobre os nosos pintores e os seus diferentes eidos cronolóxicos. Na presentación de dito catálogo celebrarase una mesa redonda cos artistas para coñecer a súa experiencia no mundo da pintura e as impresións deste traballo en común.

Para esta segunda edición a proposta invita a interactuar a Dolores Gálvez (Poio, 1954) e Belén Padrón (Oviedo, 1981). Ambas levan vivindo en Pontevedra dende ben novas, ademais de realizar os seus estudos de Belas Artes na Facultade da nosa cidade. Pensamos que pola súa forma de entender a pintura pode ser unha exitosa colaboración que permita ofrecer unha mirada novedosa e enriquecedora das súas respectivas obras, xa consolidadas no eido artístico.
A obra de ambas creadoras configúrase no terreo da abstracción o que pretende ser unha aposta máis dentro deste proxecto pictórico dentro dos infinitos vieiros da pintura. As dúas traballan dende a potencia da cor e a súa plasticidade dentro dun discurso singular. A natureza tamén enguedella o seu traballo, ao ser unha referencia que sustenta cadansúa obra. As series de Dolores Gálvez sobre o rito das nove ondas na A Lanzada ou a súa interpretación do xardín do escritor sueco Klas Ostergen, reflicten de xeito contundente como un motivo escollido da natureza reinterprétase con felices consecuencias. Dolores Gálvez non esquece o seu recoñecido tratamento do movemento dentro do cadro, a captación dun instante que se conxela no que a luz e a cor establecen un diálogo que moviliza os resortes do cadro para atrapar ao espectador.
Belén Padrón é pura creatividade e paixón pola pintura, un conxunto de enerxías que se desplegan no lenzo na procura dun maravilloso universo cheo de maxia e posibilidades. Non pretendamos serializar o traballo desta artista, a máis nova da mostra, gústalle a diversidade, abrir camiños, fuxir aquí e alá, xogar coa pintura, explorar novos territorios. Eses territorios permitirán que nos seus cadros aflore unha efervescente diversidade. Os seus xardíns, habitacións, universos, macondos ou ceos estrelados son un escenario puramente pictórico no que perdernos, onde entender que a pintura é puro goce dos sentidos. Os motivos que impulsan o cadro quédanse moitas veces no seu título para que a pintura vaia por outro lado, case que por onde ela queira. Ao fin e ao cabo, Belén Padrón pinta para ela e por ela.

Estamos polo tanto ante un diálogo dende os pinceis, dende o xeito de mirar á nosa sociedade e interpretala a través desa disciplina que é a pintura. Un alicerce artístico ao que dende estas paredes se homenaxea como unha das grandes referencias da creación cultural e que volve a arrolarse a carón deste río Lérez nun fluir permanente de ideas e imaxes. Nese diálogo atoparemos coincidencias e distensións, mundos próximos e outros máis alonxados, pero dende ambos descobriremos a pintura como necesidade e coa que poderemos, como di o poeta Octavio Paz, do cal celebramos neste ano o centenario do seu nacemento, unha vez pasados uns minutos, facer un só corpo, dende a auga de Dolores Gálvez ou as estrelas de tantas noites imaxinadas de Belén Padrón.