O Concello conmemora o Día Internacional dos Dereitos do Neno

138

O Concello de Pontevedra organiza distintas actividades este mércores, 19 de novembro, co gallo da celebración do Día Internacional dos Dereitos do Neno. Está previsto un acto para o premio dos concursos da "Melodía da igualdade" e tamén farase unh contacontos.
A entrega dos premios do concurso "Melodía en igualdade", organizado pola Concellería de Benestar Social Municipal e a Fundación Meniños, onde participaron os nenos e nenas de infantil e primaria dos colexios do concello, reflexionando sobre o dereito á igualdade, será no Teatro Principal ás 17.00 horas.
A continuación, sobre as 18.00 horas, farase o contacontos “Antía, Wamba e o regato pequeno” da compañía A tropa de trapo, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
Antía, Wamba e o regato pequeno está dirixida a público infantil e familiar, e conta a historia de dúas personaxes, Antía, unha nena galega, e Wamba un mozo do Congo que se busca a vida vendendo de todo na rúa. Os contos de Wamba e as merendas de Antía fundiranse nunha amizade que lle ensinará a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese con regatos pequenos. …E así, cargados de historias, percorrerase a xeografía galega enteira (…que non é pouco!). Tamén por Extremadura, Andalucía e Cataluña, facendo soñar e reflexionar aos nenos, nenas, adolescentes e maiores que queiran achegarse a escoitar un conto.