As ludotecas de Nadal apostan pola formación bilingüe e a oferta compartida na cidade, no rural e Monte Porreiro

75

O programa municipal de ludotecas mantense sen recortes. É unha aposta polo Ensino público de calidade, subliñou hoxe o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, na que o Concello está firmemente comprometido. O edil presentou esta iniciativa acompañado do presidente da Federación de Asociacións de Nais e Pais (Fanpa-Pontevedra), Rogelio Carballo.

As ludotecas, definidas como unha peza central da política educativa municipal, están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos e celebraranse do 22 de decembro ao 7 de xaneiro, cubrindo así o período vacacional. O horario mantense, dende hai tres anos, entre as 9 e 14 horas, co obxectivo de equiparalo ao escolar e facilitar ao máximo a conciliación da vida familiar e laboral. Ademais hai posibilidade de amplialo para chegar ao abano das 8.30 ás 14.30 horas.

O concelleiro pontevedrés subliñou que as ludotecas son imprescindibles para garantir a conciliación da vida laboral coa familiar. Aínda máis en tempos de crise porque os horarios laborais son cada vez máis esixentes, mesmo para xente que dispón de contratos a tempo parcial. Cómpre por tanto, que unha a Administración municipal bote unha man ás familias ofertando este tipo de dispositivos.

O responsable municipal subliñou o acerto da estratexia de asinar un convenio anual coa Fanpa que permite poñer en marcha non só este programa, senón un completo abano de actividades contando así coa colaboración activa das asociacións de nais e pais.

A novidade deste ano chega coa oferta de dous obradoiros, nos que se pode participar por horas e con independencia da inscrición dos nenos na ludoteca, para crear figuriñas de de Nadal con arxila ou para elaborar un conto a través dunha aplicación para “tabletas” dixitais.

O número total de prazas ofertadas é de 190 e desdóbrase en función das idades e o idioma: Galego ou Inglés. O “Ludonadal” para os alumnos de Infantil leva por título “O Nadal percorre o mundo”. O eixe temático para os alumnos de Primaria será “O Nadal das Estacións”. Finalmente, a ludoteca en Inglés chámase “Os Valores”. En canto aos lugares de celebración serán os colexios de Campolongo (50 prazas), Barcelos (50 prazas para a ludoteca en Inglés), Vilaverde (30 prazas), Cabanas (30 prazas) e Marcos da Portela (30 prazas).

O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende este venres, 5 de decembro, ata o xoves, día 11. As persoas interesadas deben dirixirse á oficina da Fanpa (rúa de Xan Guillermo, 9). O formulario de inscrición pode descargarse xa en www.nontedurmas.org. O prezo é de 40 euros, pero queda en 25 euros para as familias numerosas ou para as inscricións a partir do segundo fillo. Agustín Fernández subliñou que é unha tarifa fortemente subvencionada polo Concello, a través do convenio coa FANPA.

Para tramitar a matrícula precísase fotocopia do DNI da nai/pai/titor e do neno/a ou libro de familia, fotocopia da tarxeta sanitaria, fotografía carné, acreditación de familia numerosa, declaración xurada de familia monoparental, certificado escolar ou documento que acredite que o neno estuda nun colexio público de Pontevedra, empadroamento ou certificación de convivencia e número de conta bancaria.