Pontevedra agarda preto de 4.000 visitantes durante esta fin de semana co gallo do Campionato de España de Taekwondo

65

O Campionato de España de Taekwondo por clubs ateigará a cidade de Pontevedra durante esta fin de semana. A proba, que se celebra entre este venres, día 5, e o luns, día 8, congregará a 1.578 deportistas, preto de 500 técnicos, uns 100 xuíces e un número case imposible de estimar de familiares dos participantes e afeccionados a este deporte.

O torneo, que garante a ocupación hoteleira de Pontevedra e algúns municipios da bisbarra durante esta fin de semana, foi presentado hoxe nun acto no que participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; o presidente da Federación Española, Juan Carlos Eiriz, e o presidente do club Mace Sport, Miguel Cortegoso.

Todos os afeccionados ao taekwondo poderán gozar no Pavillón Municipal dos Deportes dun espectáculo no que se combinarán as diferentes modalidades (exhibición, técnica, freestyle e combate) e atrae aos mellores deportistas de toda España, especialmente, en combate. O torneo outorga, nesta última modalidade, 10 puntos de ránking para o Mundial e o Europeo.

O alcalde subliñou a intensa relación de Pontevedra co taekwondo e destacou que a cidade aspira a acoller un Open de categoría G2 de cara ao ano próximo. Tan só se organizan dous por continente e, por tanto, suporía un gran aliciente para a asistencia de deportistas internacionais.

Agustín Fernández lembrou que o ano 2014 comezou cun primeiro Campionato de España junior de taekwondo e, despois de decenas de competicións, varios campionatos nacionais e mesmo un Mundial de Duatlón, “o círculo péchase cun novo Campionato de España de taekwondo”. Un calendario que demostra a confianza das federacións na capacidade organizativa de Pontevedra.

O concelleiro de Deportes comentou que a elevada asistencia está a provocar que mesmo se dean problemas para obter billetes de tren ou avión dende Madrid, especialmente para mañá xoves.

Juan Carlos Eiriz e Miguel Cortegoso confirmaron que se están a romper todas as cifras de participación nunha proba destas características.

O torneo comeza este venres, ás 15.00 horas, coa celebración das probas de técnica infantil (169 deportistas) e adultos (172). O sábado será o momento da competición de combate cadete e júnior. Serán 367 cadetes e 297 júnior. O domingo chega o Campionato de España de Combate Sénior, con 240 inscritos. O último día da competición será para a exhibición e o freestyle. Precisamente, a exhibición é unha das modalidades máis espectaculares, e na que Galicia é a absoluta dominadora. Ademais, o club local, o Mace Sport, acadou hai unhas semanas o título de campión galego, polo que agora parte co aliciente de buscar o título nacional.

O Natural Sport Riveira é o actual campión de España por clubs, título que ven revalidando dende hai sete anos.