A Concellería de Deportes comeza a preparación do Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2016

104

Un milleiro de deportistas participarán no Campionato de España de Piragüismo en distancia Maratón, que se celebrará en Pontevedra o 16 e 17 de maio de 2015. Unha proba que servirá de ensaio xeral para o Europeo de 2016 e que captará en torno a 1.300 palixeiros.

O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, subliñou que falamos de dous eventos de alto nivel deportivo e que suporán tamén un forte pulo turístico para a cidade. De feito, o comité técnico estuda tamén a proposta da Federación Europea de celebrar o seu campionato entre o 29 de xuño e o 3 de xullo de 2016 en base aos intereses “de cidade”. Estas datas foron analizadas hoxe en función da influencia das mareas e da programación deportiva e turística municipal.

O comité técnico, presidido polo concelleiro, está integrado por expertos neste deporte. Unha listaxe que, segundo Agustín Fernández, ten un nivel moi alto, o que asegura que se tomarán decisións acertadas. Os membros son José Manuel Sánchez Moure (xuíz internacional), María Jesús Llebot (ex-membro do Comité Internacional de Maratón e xuíz internacional), Jovino González (campión olímpico e directivo da Federación Galega), Antonio Malvido (organizador de regatas de piragüismo), Óscar Graña (campión do mundo de maratón) e Juan Costal (ex-adestrador da Federación Española na especialidade de maratón).

En canto ao circuíto quedou acordado que estará entre a ponte dos tirantes e a nova ponte de Monte Porreiro. Estase a traballar na zona de porteo que, moi probablemente, estará na marxe esquerda do río, fronte a onde estaba a fábrica de Tafisa.