Pontevedra aspira a ocupar un espazo no calendario nacional do BTT incorporando o “4 Picos Bike&Trial”

128

O “Pontevedra 4 Picos Bike&Trial” nace para quedarse e ir crecendo, acercándose a algúns dos eventos máis importantes de España na especialidade da Bicicleta Todo Terreo e do “trail” de carreira a pé. Así o afirmou hoxe o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, durante a presentación deste evento que a cidade acollerá o próximo 19 de abril.

Fernández estivo acompañado do da empresa organizadora GlobalDXT Pontevedra, José Víctor Cimadevila, e o representante do club A Roda do Demo, Marcos Narciso, colaborador na marcaxe dos circuítos que compoñen este reto deportivo “Desafío Rías Baixas”.

O concelleiro de Deportes subliñou que Pontevedra é unha “potencia” na organización de eventos deportivos de elite ou competitivos, pero tamén vai ocupando o oco do deporte popular. Comezou co Circuíto de Carreiras Populares Pedestres e agora quere completar a súa oferta na BTT e no trail. A situación urbana ao pé de catro accidentes montañosos, dende os que é posible contemplar tres das Rías Baixas e varios ríos achegan un selo de cidade verde moi útil para promocionarse nestes dous deportes.

O responsable municipal significou que a bicicleta de montaña conta con probas moi coñecidas no calendario español e quedou demostrado que ten un forte poder de atracción, polo que encaixa perfectamente na estratexia municipal de combinar a programación deportiva coa turística. O obxectivo é ir achegándose, pouco a pouco, aos eventos de maior solvencia.

José Víctor Cimadevila explicou que este “Pontevedra 4 Picos Bike&Trail” consiste en catro probas diferenciadas e simultáneas polo que só é posible inscribirse nunha delas:

  • 4 PICOS BIKE: proba de bici de montaña na que se percorren os catro picos que bordean a cidade de Pontevedra ( lago Castiñeiras, A Fracha, O Acibal (Pontillón do Castro) e A Escusa) cunha distancia de 125 Km e un acumulado positivo de 3.000 metros . A hora de saída e ás 9.00 horas e o corte final é ás 21.00 horas

  • 2 PICOS BIKE: proba de bici de montaña na que se percorren 2 picos que bordean a cidade de Pontevedra (lago Castiñeiras e A Fracha) cunha distancia de 62 Km e un acumulado positivo de 1.500 metros. A hora de saída é ás 9.00 horas e o corte final ás 21.00 horas.

  • TRAIL: proba de carreira por montaña, na que os participantes percorrerán unha distancia de 30 Km subindo e baixando polo monte do Pontillón do Castro. A dificultade técnica e física é media. A proba comeza dende a cidade, polo que inclúe zonas asfaltadas. A hora de saída é ás 10.30 horas.

  • CITYTRAIL: proba de carreira por montaña na que os participantes percorrerán unha distancia de 15 Km. A dificultade técnica é baixa. A proba comeza dende a cidade. A hora de saída é ás 10.30 horas.

Todas as probas saen e chegan á zona cero, que estará na Illa das Esculturas, onde se instalará unha montaxe cunha pantalla xigante e área de exposición dos patrocinadores. O percorrido da proba larga de BTT será en forma de bolboreta, para posibilitar que os ciclistas pasen varias veces pola zona cero.

Haberá bolsa do corredor, detalle “fínisher” para os que rematen as diferentes probas, “finisher platinum” para os cinco primeiros de cada proba, Chip de control de tempos para todos os participantes, posibilidade de levar un aparello de xeolocalización, avituallamentos sólidos e líquidos, talleres mecánicos en cada pico e asistencia sanitaria.

A inscricións están abertas na páxina web www.globaldxt.com. A data límite para facelo é o 4 de abril de 2015 (aínda que existen prezos reducidos se a inscrición se tramita antes do 15 de febreiro de 2015). A organización fará sorteos semanais entre tódolos inscritos (roupa, servizos deportivos, probas de esforzo, valoracións biomecánicas, produtos relacionados co ciclismo e coa carreira, gafas…)