Comeza a obra para trasladar a Campolongo a estación de control de calidade do aire

62

O parque de Campolongo acollerá nos vindeiros meses a nova estación para a medición da calidade do aire en Pontevedra, promovida pola Consellería de Medio Ambiente. Os traballos para trasladar ás proximidades do parque da Seta a estación situada en Mollabao comezaron esta semana, e corren a cargo da Xunta, aínda que o Concello autorizou o pequeno proxecto constructivo que suporá a execución dunha "caseta" de 280×365 cm.
Segundo o proxecto constructivo que facilitou a Consellería ao Concello, a actual estación está situada na PO-546, en Mollabao e "non é a ubicación máis idónea para obter datos da calidade do aire de Pontevedra, debido á súa distancia co núcleo urbano".
Logo de facer un estudo de distintas ubicacións, e tras negociar co Concello, acórdase instalar a nova estación na rúa Iglesias Vilarelle, nun entorno "caracterizado por edificacións ailladas e de grande altura. A situación da estación está alonxada de edificións, non ten árbores de grande porte preto, e cumpre co RD 102/2011, polo que esta nova ubicación é a apropiada para a toma de datos".
O informe explica que "esta estación debe albergar no seu interior unha serie de aparatos para analizar a calidade do aire, así como aparatos no exterior a nivel do chan, e aparatos na cuberta. Todos eles deben estar protexidos. A estación debe manter unhas condicións higrotérmicas determinadas, para o correcto funcionamento dos equipos de análisis".
No propio proxecto constructivo explícase que "a estación contará tamén cun cartel luminoso onde o cidadán poderá ver en tempo real os datos de calidade do aire".
O Concello de Pontevedra colaborou coa Consellería de Medio Ambiente na búsqueda do terreo máis idóneo para instalar esta estación de recollida de mostras e obter datos reais sobre a calidade do aire no casco urbano. Ademais está incluído como unha das actuacións prioritarias dentro do Observatorio de medio ambiente no que traballa o Concello de Pontevedra.