Marta Quintana presenta “Lus”

111

Marta Quintana presentará xunto a Cuchus Pimentel no Museo de Pontevedra o seu novo traballo, “Lus”, cun total de 11 temas do poeta galego Xosé Mª Díaz Castro da súa obra “Nimbos”.

As composicións musicais son de Marta Quintana, os arranxos de Cuchús Pimentel e a masterización correu a cargo de René Molinos. Trátase dunha obra de auto edición e auto produción distribuída por Inquedanzas Sonoras, que agora presentan no Museo nun concerto no que colaboran a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

O disco naceu a partir de que Marta Quintana descubre ó poeta Díaz Castro polo seu recoñecemento nas Letras Galegas. Os poemas nas mans de Marta tomaron unha nova vida musical, e, como un amor de nai que medra día a día, foron conformando as cancións na súa mente ata topar coa calor que precisaba en Cuchús Pimentel, quen fixo coas súas guitarras o berce perfecto para este traballo cargado de forza viva.

Os poemas que a inspiraron para compoñer estas fermosas cancións están cheos de forza e de reivindicacións, poderían ser feitas xusto hoxe, nesta mesma mañá, por ser totalmente atemporais. Neles, o autor reivindica a falta de beleza, a falta de verdade, a falta de traballo cualificado e o abandono dos pobos…. Poemas que teñen que ver coa forza da terra e o seu recoñecemento como nai, e remarca a idiosincrasia galega a través da súa paisaxe e autenticidade. Dende a perspectiva de Marta, nestes versos, poderíase entrever un símil do marcado papel da muller na nosa sociedade.