Premio europeo para o fotógrafo das campañas turísticas de Pontevedra

210

Seis fotógrafos españois dispoñen da acreditación da Federación Europea de Profesionais da Fotografía (FEP). Un deles é o pontevedrés Víctor Moreno García, autor das campañas Pontevedra Glamour (para impulsar as vendas na Praza de Abastos) e Pontevedra é un amor (para a promoción turística da cidade).
A concelleira de Turismo, Carlota Román, recibiu hoxe a Víctor Moreno para felicitalo por este recoñecemento que o acredita como un creador audiovisual con pericia para impartir todo tipo de actividades de formación e docencia en todo o territorio da Unión Europea.
Moreno presentou unha escolma dos seus traballos. Mereceu unha especial valoración o seu carácter pioneiro na creación de “fashion films” (curtametraxes publicitarias ou de moda que contan breves historias), campo no que ven traballando dende hai máis dunha década.
A concelleira de Turismo enxalzou os magníficos resultados que deu o vídeo Pontevedra é un amor, tanto na Rede (máis de 50.000 reproducións entre Youtube e outras plataformas) como pola súa proxección en todos os foros de turismo nos que a Capital das Rías Baixas participa.

COMPARTIR