A Festa do Caldo aspira a acadar a declaración de Festa de Interese Turístico Galego

260

A Festa do Caldo de Mourente chegará o próximo ano á 25ª edición. E podería facelo co título de Festa de Interese Turístico Galego se dá froitos á solicitude que está a piques de ser presentada diante da Axencia Galega de Turismo da Xunta de Galicia.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Turismo, Carlota Román, e o presidente da asociación de veciños O Castro, Santiago Laya, asinaron hoxe o convenio de financiamento desta actividade, á que o Concello achega 9.000 euros anuais.
Carlota Román revelou que a Concellería de Turismo xa emitiu o informe obrigado e presentou toda a documentación. A semana próxima será entregada pola propia asociación diante do órgano autonómico.
A Festa do Caldo de Mourente, que reúne a milleiros de persoas o segundo domingo do mes de marzo, serve unhas 6.000 racións por edición, o que significa un importante esforzo que só é posible gracias ao esforzo desinteresado dos veciños e ao apoio económico municipal, tal e como destacou o alcalde.
Carlota Román subliñou que a gastronomía é unha das principais argumentos turísticos da cidade e subliñou que este certame é unha convocatoria gastronómica única en Galicia. E sen esquecer a aposta pola calidade.
O alcalde tamén lembrou que a cita enxalza un produto típico de Galicia. Ademais, desexou que chegue a bo porto o intento por comercializar este produto en formato enlatado “porque iso faría posible gozar dun caldo galego en Sydney” e revelou que seguen os contactos coa empresa interesada.
Santiago Laya explicou o traballo de preparación que supón manexar centos de quilos de produto e controlar moitas horas de cocción. O resultado final é un produto que se vende a prezos case simbólicos gracias ao apoio municipal. E porque, subliñou, non se busca a rendibilidade económica.

Acto de sinatura do convenio
Acto de sinatura do convenio