A Corporación aproba a súa organización para os vindeiros catro anos

264

O Concello de Pontevedra aprobou esta semana diversas propostas da Alcaldía para a organización da futura Corporación que van dende o día e hora de celebración dos plenos municipais, aos soldos dos concelleiros con dedicación exclusiva ao Concello, ou os integrantes dos distintos partidos nos órganos colexiados. Aínda que a proposta aprobada foi á da Alcaldía, ben é certo que o Goberno Local tratou de chegar a un entendemento con todas as forzas da oposición para que o acordo fora o máis unánime posible. De todos os xeitos, Raimundo González,  portavoz do Goberno indicou que a proposta aprobada foi o máis ponderada posible, tendo en conta que as peticións dos distintos grupos políticos da oposición foron do máis diversas.
Os acordos foron os seguintes:

SOBRE AS SESIÓNS PLENARIAS

  • O Pleno da Corporación celebrará sesións ordinarias o penúltimo luns de cada mes, ás 11 horas. Esta data variará, e poderá alterarse, de coincidir tal día en festivo ou tratarse dos meses de agosto ou decembro, de acordo co establecido no art. 57 do Regulamento Orgánico do Pleno e das súas Comisións.
  • Non obstante, facúltase á Xunta de Portavoces para que, puntualmente, poda alterar a data dalgunha sesión ordinaria, sempre que se celebre no mesmo mes.
  • Establecer como sede para a realización de tódalas sesións plenarias o Salón de Butacas do Teatro Principal deste Concello, por persistir as circunstancias que motivaron a súa habilitación para este fin pola anterior Corporación.

CREACIÓN E COMPOSICIÓN DAS COMISIÓNS DELEGADAS. PERIODICIDADE.

  • Establécense as seguintes Comisións Permanentes Ordinarias, coa denominación e competencias que de seguido se relacionan, e sen prexuízo daquelas outras atribucións de carácter resolutorio que lle delegue, no seu caso, o Pleno da Corporación de conformidade co establecido no artigo 123.4 da Lei 7/1985, e demais que lle correspondan segundo a Lei.  Así mesmo, relaciónanse as Comisións especiais que resultan obrigadas segundo a Lei.
    • Comisións:
      1.- Comisión de Réxime Interior, Participación, persoal e Xurídica. Terá as seguintes competencias: Réxime Interior, Persoal, Matadoiro, Mercados, Venda ambulante, Defensa Xurídica e participación.
      2.- Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente: Terá as seguintes competencias: Ordenación do Territorio, Planeamento, Xestión e disciplina Urbanística e Medio Ambiental, Licenzas, Patrimonio Histórico.
      3.- Comisión Benestar social, cultura e dinamización sociocultural. Terá as competencias correspondentes ás materias enunciadas, así como ensino, deporte, xuventude, igualdade e normalización lingüística.
      4.- Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. Terá as competencias correspondentes ás materias enunciadas.
      5.- Comisión de Economía e Facenda, e especial de Contas.  Terá as competencias correspondentes ás materias enunciadas, así como contratación, promoción económica e turismo.  Constituirase como Comisión de Contas e exercerá as competencias propias desta cando sexa necesario.
      6.- Comisión Especial de Suxestións e reclamacións.  Terá as competencias sinaladas polos arts. 157 e ss. do Regulamento Orgánico do Pleno e das súas Comisións.
  • Estarán formadas por 9 membros, incluído o seu Presidente efectivo e coa seguinte representación proporcional de cada grupo político municipal: 4 membros do grupo municipal do BNG, 2 membros do grupo municipal do PP, 1 membro do grupo municipal do PSdG-PSOE; 1 membro do grupo municipal da Marea de Pontevedra; e 1 membro do grupo municipal mixto (Ciudadanos).
  • A adscrición concreta a cada Comisión dos membros da Corporación, que deban formar parte das Comisións creadas, realizarase mediante escrito do portavoz de cada grupo municipal do que se dará conta ó Pleno, podéndose e aconsellándose designar 1 suplente por cada titular.
  • O nomeamento dos membros atendendo as propostas de cada grupo municipal realizarase polo Alcalde-Presidente do Pleno, dentro do prazo de 5 días, dando conta ao Pleno do Concello na primeira sesión que se celebre.
  • O Alcalde, previa elección efectuada no seno da Comisión dun Presidente e un Vicepresidente para casos de urxencia, enfermidade, incompatibilidade ou outro motivo, poderá delegar a Presidencia efectiva nos membros das comisións elixidos, procedendo o nomeamento dos Presidentes e Vicepresidentes.
  • As Comisións Permanentes celebrarán sesións ordinarias segundo se precisa:
    – As comisións 2 e 4 celebrarán as súas sesións ordinarias os martes alternos ás 11 horas.
    – As comisións 1 e 5 celebrarán as súas sesións ordinarias os mércores anteriores ao pleno ordinario, ás 13 e 12 horas respectivamente.
    – A comisión 3 celebrará as súas sesións ordinarias os xoves alternos ás 11 horas.”
    Non obstante, mantendo a periodicidade sinalada, na súa sesión constitutiva a propia comisión poderá variar os días e horas en concreto.
  • Realizada a adscrición dos membros da Corporación ás Comisións creadas, procederase á constitución das Comisións baixo a presidencia do Alcalde, como presidente nato, en sesión convocada para os efectos e na que terá lugar a elección do seu presidente efectivo.

NOMEAMENTO DE REPRESENTANTES DA CORPORACIÓN EN ÓRGANOS COLEXIADOS DA SÚA COMPETENCIA

  • Asígnanse aos grupos municipais do Concello as seguintes representacións nos Organismos que se determinan:
    COMISIÓN DE DESLINDE TERMO MUNICIPAL MARÍN
    Alcalde ou concelleiro en quen delegue;  e 1 concelleiro por cada grupo que se sinala: PP; PSdG-PSOE e Marea Pontevedra.
    COMISIÓN DE DESLINDE TERMO MUNICIPAL POIO
    Alcalde ou concelleiro en quen delegue;  e 1 concelleiro por cada grupo que se sinala: PP; PSdG-PSOE e Marea Pontevedra.
    CONSELLO MUNICIPAL DA MULLER
    Presidente o Alcalde ou ou membro da Corporación Municipal en quen delegue.
    Un representante de cada grupo político municipal.
    CONSELLO ECONÓMICO SOCIAL
    Presidente o Alcalde ou ou membro da Corporación Municipal en quen delegue.
    Un representante de cada grupo político municipal.
    IMD (Xunta Rectora).
    Presidente o Alcalde ou Concelleiro en quen delegue.
    Vogais: 3 a proposta do grupo do BNG; 2 a proposta do PP; 1 a proposta do PSdG-PSOE; 1 a proposta do grupo Marea de Pontev; e 1 a proposta do grupo mixto.
    Cando menos 4 dos vogais haberán ser concelleiros.
    PAZO DE CONGRESOS E EXPOSICIÓNS (Consello de Goberno)
    Presidente o Alcalde.
    Concelleiro/a delegado de Cultura (vicepresidente).
    1 concelleiro designado polo PP, 1 polo PSdG-PSOE e outro pola Marea de Pontevedra.

DETERMINACIÓN DA DOTACIÓN ECONÓMICA PARA O FUNCIONAMENTO DOS GRUPOS MUNICIPAIS.

  • Asignar aos grupos políticos municipais a seguinte dotación económica mensual, para o seu adecuado funcionamento, con cargo ó presuposto municipal:
    • Cantidade fixa mensual: 2.750 euros para cada un dos grupo políticos municipais.
    • Cantidade variable mensual en función do número de concelleiros que integran o grupo político municipal: 250 euros por cada membro do grupo.
  • As devanditas cantidades non poderán destinarse ao pago de remuneracións do persoal de calquera tipo ao servizo da Corporación, nin á adquisición de bens que poidan constituír activos fixos de carácter patrimonial.
  • As dotacións económicas asignadas aboaranse na conta designada por cada grupo político municipal, grupo que deberá comunicar un código de identificación fiscal propio e levar unha contabilidade específica da dotación, que terá a disposición do Pleno da Corporación no caso de que lla requira para a súa fiscalización.
  • Adoptaranse as medidas procedentes para a suplementación dos créditos orzamentarias se as dotacións existentes resultaren insuficientes e anualmente consignarase cantidade suficiente para facer fronte as obrigas económicas derivadas do cumprimento deste acordo.
  • O presente acordo, no marco do art. 8 da Lei 19/2013, de Transparencia e Bo Goberno, publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, así como no taboleiro de anuncios do Concello e na web municipal por quince días hábiles, co fin de dar a máxima transparencia.

FIXACIÓN DE INDEMNIZACIÓNS POR ASISTENCIA A SESIÓNS DOS ÓRGANOS MUNICIPAIS COLEXIADOS.

  • Os membros da Corporación, que non desempeñen o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva ou parcial, percibirán as seguintes indemnizacións por asistencia efectiva ás sesións dos órganos colexiados do Concello de Pontevedra, nas seguintes contías:
    • a) Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas polo Pleno da Corporación a cantidade de douscentos setenta e cinco euros (275 €).
    • b) Por cada asistencia polos seus membros a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas pola Xunta de Goberno Local a cantidade de cento vinte e cinco euros (125 €).
    • c) Por cada asistencia a sesións de Comisións Informativas, permanentes ou especiais, ó Presidente a cantidade de cento vinte e cinco euros (125 €) e ós vogais cento cinco euros (105 €).
  • Establécense as seguintes indemnizacións por asistencia efectiva ás sesións dos organismos autónomos do Concello de Pontevedra, nas seguintes contías:
    • a) Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas polo Consello de Goberno do “Pazo de Congreso e Exposicións” a cantidade de setenta e cinco euros (75 €)
    • b) Por cada asistencia a sesións, ordinarias ou extraordinarias, celebradas pola Xunta Rectora do Instituto Municipal de Deportes a cantidade de setenta e cinco euros (75 €)
  • Adoptaranse as medidas procedentes para a suplementación dos créditos orzamentarios se as dotacións existentes resultaran insuficientes e anualmente consignarase cantidade suficiente para facer fronte as obrigas económicas derivadas do cumprimento deste acordo.
  • En cumprimento do establecido nos arts. 75.5 da Lei 7/1985 e 8 da Lei 19/2013, de Transparencia e Bo Goberno, o presente acordo publicarase no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello por quince días hábiles. E, para a máxima transparencia, procederase igualmente á súa publicación na web municipal por igual prazo.

PROPOSTA DE DETERMINACIÓN DE CARGOS EN RÉXIME DE DEDICACIÓN EXCLUSIVA, DO SEU RÉXIME DE DEDICACIÓN EFECTIVA E DAS SÚAS RETRIBUCIÓNS.

  • Establécense en réxime de dedicación exclusiva os seguintes cargos municipais:
    • Os membros do Goberno poderán desempeñar todos as súas funcións en réxime de dedicación exclusiva.
    • Os restantes Grupos Políticos poderán ter en réxime de dedicación exclusiva a 1 dos seus membros por cada 4 membros do Grupo Político ou resto de 3.
    • A suma dos dous apartados anteriores non poderá superar, en ningún caso, o máximo legal, nestes intres fixado en 15.
    • As dedicacións exclusivas poderán dividirse en dedicacións parciais (cando menos do 50%, segundo prevé o Regulamento Orgánico do Pleno), de así estimarse motivadamente, e sempre cos límites sinalados.
  • As contías das retribucións a percibir polo desempeño dos cargos en réxime de dedicación exclusiva, ou parcial, serán as mesmas que as fixadas nas bases da execución do orzamento e demais acordos en vigor ata o día 13 de Xuño de 2015.
  • As cantidades sinaladas polo desempeño do cargo en réxime de dedicación exclusiva completaranse coas correspondentes á antigüidade do concelleiro en cuestión, respecto ao posto de traballo que ocupaba como empregado ou funcionario, sempre en cando a entidade de orixe non se fixera cargo de tales. Isto sempre co límite establecido segundo o art. 75 bis.4 da Lei 7/1985.
  • Os membros da Corporación que exerzan o seu cargo en réxime de dedicación exclusiva terán unha dedicación mínima ao Concello equivalente á establecida con carácter xeral para o persoal ao servizo da Administración pública e, en concreto, para o Concello de Pontevedra. Non obstante, por razóns evidentes do exercicio do seus cargos, o cómputo desta dedicación non se suxeitará ao horario fixado para os traballadores municipais.
    De acordo co art. 14.6 do Regulamento Orgánico do Pleno, a dedicación parcial por parte dos cargos que así se definan non será inferior a 20 horas á semana, correspondéndolle as retribucións proporcionais respecto das correspondentes aos cargos en réxime de dedicación exclusiva.
  • O nomeamento dos concelleiros que desempeñen os cargos en réxime de dedicación exclusiva ou parcial será realizado polo Alcalde. En todo caso, os designados deberán aceptar o exercicio do cargo en réxime de dedicación exclusiva ou dedicación parcial, no prazo de tres días hábiles, entendéndose aceptado o cargo se transcorrera o mencionado prazo sen comunicación expresa de renuncia.
    O nomeamento dos concelleiros dos grupos municipais na oposición efectuarase a proposta dos seus portavoces.
  • Os membros da Corporación que exerzan os seus cargos en réxime de dedicación exclusiva e parcial serán dados de alta no réxime xeral da Seguridade Social ou réxime equivalente, asumindo a Corporación o pago dos custos empresariais que corresponda.
  • A percepción de retribucións polo exercicio de cargos municipais en réxime de dedicación exclusiva será incompatible con outras retribucións a cargo dos presupostos doutras administracións públicas, organismos ou entes públicos dependentes deles, así como incompatibles co exercicio doutras actividades nos termos precisados pola Lei 53/1984 e normativa aplicable.
  • As retribucións asignadas, polos conceptos de dedicación exclusiva, serán percibidas a partir da data da efectiva prestación destes cargos, considerando a tales efectos que estiveran nomeados, aceptados os nomeamentos e desenvolvéndose sen incompatibilidade de ningún tipo. Cumpridas estas condicións, este acordo terá efectos retroactivos a tal data.
  • As retribucións establecidas incrementaranse anualmente, de selo caso, na mesma porcentaxe que a aplicable aos empregados públicos municipais.
  • Os membros da Corporación que exerzan o cargo con dedicación exclusiva terán dereito aos mesmos permisos, licenzas e vacacións que o persoal funcionario do Concello de Pontevedra.
  • Adoptaranse as medidas procedentes suplementando os créditos necesarios para atender ao pago das retribucións establecidas.
    Décimo segundo.- En cumprimento do establecido no art. 75.5 da Lei 7/1985, o presente acordo, así como os cargos nomeados, publicaranse, no Boletín Oficial da Provincia e no taboleiro de anuncios do Concello por quince días hábiles. De conformidade co art. 8 da Lei 19/2013, de Transparencia e Bo Goberno, a publicación completarase coas cantidades correspondentes. E, para a máxima transparencia, procederase igualmente á súa publicación na web municipal por igual prazo.
COMPARTIR