Constituídas as Comisións informativas do Pleno con sendas presidencias para o PP e o PSOE

155

O Concello de Pontevedra constituíu esta mañá as seis Comisións Informativas do pleno, en breves sesións, todas elas presididas polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. O alcalde cedeu a presidencia das comisións a catro concelleiros do BNG, a un do PP e a outro do PSOE. Segundo explicou o portavoz do Goberno, Raimundo González o procedemento para a constitución das comisións foi o seguinte: o alcalde preguntaba a todos os grupos se querían presidir a comisión -que se desenvolvía naquel momento- e os grupos aceptaban ou declinaban. No caso de que ningún grupo se posicionase, o alcalde designaba directamente a presidencia desa comisión.

Seguindo este procedemento as comisións quedaron presididas do seguinte xeito:

  • Comisión de Réxime Interior: presidente Vicente García Legísima; vicepresidente Anabel Gulías
  • Comisión de Ordenación do Territorio: presidenta Carme da Silva Méndez; vicepresidente, Luís Bará.
  • Comisión de Benestar Social: presidenta, Carmen Fouces; vicepresidente Alberto Oubiña
  • Comisión de Mobilidade: presidente, Luís Bará; vicepresidente Demetrio Gómez
  • Comisión de Economía e Facenda: presidente, Rafael Domínguez; vicepresidenta Anabel Gulias
  • Comisión especial de suxestións: presidenta Paloma Castro; vicepresidenta, Pilar Comesaña.

Segundo explicou Raimundo González, o BNG e Ciudadanos votaron a favor de todas as comisións; e os outros tres grupos da oposición municipal votaron a favor da creación das Comisións de Economía e de Suxestións, e abstivéronse no resto, salvo o Partido Popular que votou a favor da Comisión de Benestar.

O portavoz do Goberno destacou esta actuación do executivo local como “un exercicio de democracia e transparencia que a oposición poida presidir as comisións informativas do Pleno”, tal e como ofrecera o Goberno Local nun principio “e mantemos a nosa posición até o final”, concluíu Raimundo González, quen asegurou que o Goberno “celebra que a oposición quixese asumir a presidencia de dúas comisións”.

COMPARTIR