Reunións por barrios cada semana, seguinte paso do programa de Participación urbana

185

Os concelleiros responsables da participación urbana Luís Bará, Carmen Fouces e Alberto Oubiña manteñen esta tarde unha reunión xeral de participación urbana no CITA ao que están convocados todos os colectivos do concello, sexan do ámbito que sexan.

Nesta reunión os concelleiros presentaranse como responsables de participación na área urbana e explicarán que esta nova carteira pretende achegarse a todos os puntos da cidade e “implicar a toda a cidadanía e aos colectivos na busca da mellora da convivencia”, polo que presentarán as liñas de traballo do departamento de participación urbana.

Tamén indicarán que o propósito é realizar unha reunión á semana por barrios até a próxima constitución dos consellos de barrio, un traballo que comezará logo do verán. A primeira destas reunións sectorais foi a desta semana no Hospital Provincial, e a próxima será na rúa Gorgullón a semana que vén ás 20.00 horas.

O obxectivo é manter encontros con todos os veciños que queiran participar nestas reunións e recoller as ideas, propostas, suxestións de todos os residentes dos barrios pontevedreses, estean ou non asociados. Todos serán encontros a pé de rúa -sempre que o tempo o permita-.

Cabe lembrar que o ámbito de traballo deste gran departamento será a cidade, e nel abordaranse moitos elementos: mobilidade, accesibilidade, seguranza viaria especialmente nos ámbitos escolares e sanitarios; conservación e mellora do ámbito urbano facendo especial fincapé nos espazos públicos e de lecer, o mobiliario e os equipamentos; o alumeado, a limpeza viaria, recuperación de solares, eliminación de valados, intervencións artísticas en medianeiras… serán moitos dos elementos competencia deste novo departamento.

A cidade estará repartida entre os tes concelleiros que terán os seguintes ámbitos competenciais:

  • Luis Bará: coordinador e responsable dos barrios do Burgo, A seca, Monte Porreiro e o centro histórico.
  • Carmen Fouces: dende a Avenida de Vigo até a Ponte do Burgo: Campolongo, Mollabao, San Roque, Moureira…
  • Albero Oubiña: a zona norte e leste da cidade, dende a Ponte do Burgo até a avenida de Vigo: Gorgullón, A parda, Barcelos, San Antoniño…