O Concello inviste 2 millóns en seguranza viaria e accesibilidade no rural

160

O Concello de Pontevedra investirá 2 millóns de euros en oito proxectos no rural e en outras tantas parroquias pontevedresas. Son proxectos de mellora da accesibilidade, mobilidade e outros elementos de calidade urbana nas parroquias co propósito de alongar a vida útil dos espazos públicos e mellorar os accesos aos núcleos rurais.

As obras proxectadas son:

  • Ponte Sampaio: calmado de tráfico entre a Ponte e o CEIP
  • Lérez: Acceso a Casaldorado dende a estrada de Santiago
  • Campañó: Conexión entre Sabarís e O Cabaleiro
  • Santo André de Xeve: Camiño da Panadería
  • Lourizán: Acceso ao colexio da Carballeira
  • Tomeza: Acceso á parroquia dende a Ponte da Condesa
  • Bora: Mellora da accesibilidade no Couto
  • Salcedo: Conexión do Carramal ao Cruceiro ou Conexión do Cruceiro ao CEIP de Cabanas

Son traballos de pavimentación, mellora da seguranza viaria, creación da rede de recollida de pluviais; instalación ou mantemento da sinalización horizontal e vertical, e a mellora dos accesos a núcleos rurais para garantir maior seguridade a peóns, especialmente nos ámbitos escolares.

O concelleiro de Economía, Raimundo González explicou esta mañá que o Concello está a tramitar unha modificación de crédito para dotar todos estes proxectos que se levarán ao próximo pleno de xullo. Os fondos procederán do remanente líquido de Tesourería do Concello.

Estas obras son especialmente importantes dado que a partir dos 20 anos, o mantemento nas vías públicas é moi elevado, supera os 10.600 euros polo que son actuacións financieiramente sostibles.