Os veciños de Mourente coñecerán este xoves o proxecto de saneamento na N-541

166

 A Casa da Cultura de Cons, na parroquia de Mourente, será o escenario este xoves, 23 de xullo, ás 20.30 horas, da presentación do proxecto da instalación da rede de sumidoiros nos lugares de Carabelos, O Pazo, Eirós e Leirados, seguindo a estrada de Ourense N-541 entre os quilómetros 88, 89 e 90.

Na reunión veciñal, de presentación do proxecto, participarán o concelleiro delegado da parroquia, Alberto Oubiña, así como os concelleiros coordinador do rural, Demetrio Gómez, e do Ciclo da Auga, Raimundo González Carballo.

O proxecto recolle as obras necesarias para conducir as augas vertidas nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados na parroquia de Mourente, as súas conexións coa rede existente ata facelas chegar á planta depuradora situada en Praceres. Son 5.000 metros lineais de tubaxes, á que se sumará unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense. Será a instalación de tubos de 400 mm cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

O orzamento é de 987.982,53 e o prazo de execución de 9 meses, logo de rematados todos os prazos administrativos.

O número de habitantes afectados polo presente proxecto ascenden a uns 540 (unhas 140 vivendas).

Na presentación do proxecto, Raimundo González lembrou que existe un acordo plenario que instaba ao Concello a elaborar o proxecto, e ademais estaba dentro das medidas que impulsaría o Goberno do BNG nos seus primeiros cen días. E dado que parece atrarsarse a sinatura do III convenio de saneamento do rural con Augas de Galicia, o Concello está disposto a iniciar a licitación do proxecto e financialo con fondos propios.

Con este proxecto a parroquia de Mourente tería practicamente completo o saneamento, e viríase a sumar ao 83% do rural pontevedrés que xa dispón de alcantarillado, especialmente todas aquelas parroquias e núcleos próximos ao centro urbano: Lérez, Marcón, Tomeza, Lourizán, Salcedo e Mourente.