Gran expectación para coñecer o proxecto de saneamento da N-541 en Mourente

170

A Casa da Cultura de Cons, na parroquia de Mourente, acolleu onte pola tarde un encontro do Goberno Local cos veciños de Mourente no que coñeceron o proxecto municipal de instalación da nova rede de saneamento nos lugares de Carabelos, O Pazo, Eirós e Leirados, seguindo a estrada de Ourense N-541 entre os quilómetros 88, 89 e 90.

Os concelleiros Alberto Oubiña, delegado da parroquia, o responsábel do Ciclo da Auga, Raimundo González, e o coordinador do rural, Demetrio Gómez foron os que presentaron o proxecto nunha reunión moi multitudinaria, e resolveron todas as dúbidas que presentaron os veciños que tiveron constancia, de primeira man, que o Concello dispón de fondos e tamén ten vontade para asumir en solitario esta obra, dado que parece que se vai demorar a sinatura do terceiro convenio de saneamento do rural pontevedrés.

O custe do saneamento nestes catro lugares de Mourente é de 987.982,53 e o prazo de execución de 9 meses, logo de rematados todos os prazos administrativos.

O proxecto recolle as obras necesarias para conducir as augas vertidas nos lugares de O Pazo, Carabelos, Eirós e Leirados na parroquia de Mourente, as súas conexións coa rede existente ata facelas chegar á planta depuradora situada en Praceres. Son 5.000 metros lineais de tubaxes, á que se sumará unha rede de recollida de augas pluviais de 852 metros lineais, tamén na estrada de Ourense. Será a instalación de tubos de 400 mm cos seus correspondentes pozos de rexistro e sumidoiros.

O número de habitantes afectados polo presente proxecto ascenden a uns 540 (unhas 140 vivendas).

Lembróuselles aos veciños que existe un acordo plenario que instaba ao Concello a elaborar o proxecto, e ademais estaba dentro das medidas que impulsaría o Goberno do BNG nos seus primeiros cen días. E dado que parece atrasarse a sinatura do terceiro convenio de saneamento do rural con Augas de Galicia, o Concello está disposto a iniciar a licitación do proxecto e financialo con fondos propios.

Con este proxecto a parroquia de Mourente tería practicamente completo o saneamento, e viríase a sumar ao 83% do rural pontevedrés que xa dispón de alcantarillado, especialmente todas aquelas parroquias e núcleos próximos ao centro urbano: Lérez, Marcón, Tomeza, Lourizán, Salcedo e Mourente.