O edificio xudicial da Parda chega ao Concello

186

Alcalde e vicepresidente da Xunta asinaron hoxe no Concello a cesión dos terreos para a construción do novo edificio xudicial da Parda, que ocupará un predio entre os actuais xulgados e a zona da nova ponte sobre o ferrocarril. Alfonso Rueda e Miguel Anxo Fernández Lores recibiron as explicacións da arquitecta do proxecto, Naiara Montero nunha reunión previa.

O novo edificio xudicial ten capacidade para albergar 28 unidades xudiciais, aínda que de momento abonda con que se instalen nel 15, para cubrir as necesidades dos xulgados non penais que hoxe ocupan espazos tanto na Audiencia Provincial de Rosalía Castro como no actual edificio da Parda e noutras sedes menores. Contén un aparcadoiro destinado ás persoas que alí traballarán e dará servizo a todo o norte da provincia de Pontevedra (comarcas da capital, O Salnés e Deza). Segundo palabras dos responsables da pranta xudicial, cubre con creces todas a necesidades dos xulgados a medio e longo prazo, e resulta ampliable cun novo andar.

Á xuntanza do concello asistiron tamén a concelleira de protección cidadá, Carme da Silva, o director xeral de Xustiza da Xunta, Juan José Martín o delegado do goberno autonómico en parte da provincia pontevedresa, José Manuel Cores Tourís, e outros funcionarios autonómicos e locais.