Covsa construirá a praza peonil diante do Hospital Provincial

189

Comeza a conta atrás para a construción da praza peonil que estará diante do Hospital Provincial co obxecto de mellorar a accesibilidade do contorno do centro sanitario e abrir un novo espazo público para os cidadáns. A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra adxudicou as obras a empresa Covsa por 335.429,30 euros, sinalou a concelleira Carme da Silva, en calidade de voceira da xunta de goberno.

Na adxudicación do proxecto a Covsa contaron como factores determinantes a baixa no prezo -a obra tiña un prezo de licitación de 417.778,81 euros- e as melloras propostas pola firma para facerse coa obra.A empresa inclúe a rúa Casimiro Gómez no área a mellorar, explicou a voceira municipal.

A futura praza ocupará unha superficie de 1.200 metros cadrados, nunha plataforma única con preferencia peonil.

As obras poderían comezar a mediados do mes se setembro, de acordo coas estimacións municipais. Teñen un período de execución de tres ou catro meses.

A execución das obras coordinaranse en todo momento coa Xerencia da Área Sanitaria Integrada Pontevedra-O Salnés para evitar no posíbel molestias aos enfermos hospitalizados no Provincial.

Na xunta de goberno adxudicáronse tamén as obras para mellorar a accesibilidade peonil da estrada N-541 a igrexa de Mourente. Neste caso os traballos foron adxudicados a firma E.C.Casas por 234.083,37  euros, indicou a concelleira Carme da Silva. As melloras aportadas pola adxudicataria inclúen a construción de tres “lombos” para calmar o trafico na zona.

Convenio coa Fanpa

Por outra banda a xunta de goberno aprobou o convenio de colaboración do Concello coa Federación de asociacións de nais e pais (Fanpa) de Pontevedra para o desenvolvemento de actividades educativas en verán e Nadal. Supón un desembolso de 55.000 euros.

O convenio estará en vigor desde o 31 de agosto de 2015 ao 31 de agosto de 2016 e para súa aprobación houbo que esperar o ditame da Xunta de Galicia xa que os concellos non teñen competencias educativas.