Agosto, sen Pleno municipal

163

A xunta de portavoces do Concello de Pontevedra decidiu por unanimidade non celebrar, como xa ven sendo habitual, o Pleno municipal en agosto. “Non hai asuntos urxentes” que precisen a convocatoria nun mes no que os máis dos funcionarios están de vacacións, explicaba ó remate da reunión a viceportavoz do Goberno local, Anabel Gulías. Se o volume ou a complexidade dos asuntos a tratar o fixera preciso, valorarase en setembro a posíbel convocatoria de dúas sesións plenaria.

A proposta dos grupos da oposición de levar ó Pleno a creación dunha Comisión informativa especial do PXOM -informada desfavorablemente pola Comisión municipal de Urbanismo- pode esperar, acordaron os grupos promotores. Na reunión pedíronlle ó alcalde Miguel Fernández Lores información detallada sobre o encontro mantido co presidente a Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feijóo.

“Respecto da reunión co presidente da Xunta, o alcalde explicou o que xa tiña dito en público ós grupos e ós veciños e veciñas de Pontevedra, reproduciu as explicacións”  conta Anabel Gulías que lembra os asuntos falados no encontro institucional: o trato dado pola TVG a cidade, o pago da débeda de Sogama -chegouse a un acordo no fundamental-, a variante de Alba… e “si falouse da normativa de furanchos como cuestión anecdótica”, dixo a viceportavozdo Goberno municipal aludindo ás críticas do portavoz socialista, Agustin Fernández, sobre a falta de contidos serios na reunión Lores-Feijóo.