O Goberno Local acorda a conxelación de taxas e impostos por segundo ano consecutivo

163

A Xunta de Goberno Local acordou esta mañá a conxelación das taxas e impostos municipais para o ano 2016 por segundo ano consecutivo, tal e como anunciou a viceportavoz do Goberno, Anabel Gulías. IBI, IAE, vehículos, sumidoiros, obras… e así ata 27 ordenanzas fiscais para reducir a presión fiscal nos contribuíntes, especialmente importante nesta situación de crise case endémica.

Sen dúbida trátase dunha “boa noticia” para os pontevedreses que nestes últimos anos veñen de sufrir recortes e incrementos impositivos por parte doutras administracións, especialmente as do Estado e da Xunta de Galicia, políticas contra as que sempre se revelou o Goberno Local.

A política ditada nestes últimos anos polo Goberno de Pontevedra foi conxelar ou incrementar o mínimo posible as taxas e impostos municipais para evitar deste xeito a carga sobre os cidadáns; e fronte a políticas simplistas, apostar pola depuración dos padróns e a loita contra o fraude en moitos dos impostos, polo tanto unha aposta pola eficiencia da xestión económica municipal.

Precisamente la Xunta de Goberno Local desta mañá aprobouse a modificación da ordenanza do IBI en relación ao cobro ás instalacións universitarias (as escolas e facultades da cidade), para aplicarlles o 95% de bonificación -seguindo as últimas modificacións legais-, unha decisión que chega logo de varios meses de negociacións e que se plasmará nos vindeiros días coa sinatura dun convenio. Segundo os datos catastrais, a Universidade tería un recibo duns 125.000 euros.