A Federación Castelao, tamén en contra da permanencia de Ence na ría máis aló do 2018

125

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores mantivo esta mañá un encontro coa directiva da Federación de Veciños Castelao para coñecer o posicionamento desta organización en relación ao futuro do complexo Ence-Elnosa na ría de Pontevedra. O alcalde estivo acompañado dos concelleiros Carme da Silva e Demetrio Gómez.

O presidente da Federación, Juan Loureiro explicou que “Castelao defende os intereses da maioría dos pontevedreses e temos que lembrar que eses terreos son de todos nós”.

O alcalde indicou que o Concello fará unha campaña durante todo o mes de setembro, entre asociacións, organizacións… para coñecer a opinión pública sobre este asunto, capital para o futuro da cidade. De feito, Fernández Lores informou que mañá pola tarde, ás 18.30 horas, manterá un encontro cos alcaldes da ría de Pontevedra: Poio, Sanxenxo, María e Bueu para coñecer o seu posicionamento ao respecto.

Tamén é pretensión do Concello continuar a vindeira semana reuníndose con colectivos do eido do medio ambiente como Vaipolorío, APDR, Adega… “todas as que teñan vinculación co medio en Pontevedra”. Ademais tamén se están a introducir en axenda encontros co sector forestal, coas confrarías de pescadores…

O Concello baralla a posibilidade de convocar unha reunión -cara finais de setembro- con todos os axentes sociais que teñen unha opinión contraria á permanencia de Ence na ría máis alá do 2018 para consensuar algunha medida de presión para o Goberno Central e a Xunta de Galicia “e evitar a prórroga das concesións antes da convocatoria electoral das Xerais porque sería unha decisión fraudulenta”.

O presidente da Federación de Veciños explicou, ao respecto da polémica dos postos de traballo, que “é ficticia” porque segundo a súa opinión “é un enfrontamento que teñen que ter os traballadores coa empresa, e se nos piden o noso apoio darémosllo”. Tamén lembrou que en Pontevedra houbo empresas como Malvar ou Pontesa, entre outras moitas “que teñan tantos ou máis postos de traballo e ninguén dixo nada cando se pecharon”. Segundo Juan Loureiro “neste asunto hai intereses non totalmente transparentes”.

Alcalde de Pontevedra: Miguel Anxo Fernández Lores.