Benvida aos estudantes de Ciencias do Deporte e Educación

172

Por se non o sabían o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, lles informou: chegan ou viven xa nunha cidade que coida ás persoas, aos seus nenos dun xeito especial, e que aposta polo deporte e os hábitos saudábeis como forma de vida.  Os estudantes que comezan os graos de Ciencias da Actividade Física e Deporte e de Educación Infantil e Primaria no campus de A Xunqueira recibiron a benvida das autoridades académicas  -o seu decano Vicente Romo e o vicerreitor de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho- e do alcalde que non deixou pasar a ocasión para poñer en valor un modelo urbano recoñecido e premiado no Estado e internacionalmente.

Mentres o decano lles daba a benvida a un  “espazo de liberdade” e apelaba a súa responsabilidade xa que estudarán nunha institución “con poucas chaves, poucos muros e poucas normas”, o vicerreitor lles comunicaba un reto que ten por diante a Universidade da que entran a formar parte: ser o primeiro “green” campus de España, unha “bandeira verde” que acredite a sustentabilidade e respecto o medio ambiente en todos os eidos da súa xestión e prácticas.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra presumiu da aposta da cidade polo deporte e actividade física e lembrou que “aquí adestraba David Cal e adestran medallistas e olímpicos como Gómez Noya, Pablo Dapena,  Teresa Portela, Óscar Graña ou Támara Echegoyen… e futuros medallistas de taekwondo ou esgrima” e que teñen moito onde mirar: o centro de tecnificación deportiva, a celebración de dez o quince campionatos do mundo internacionais e estatais ou aposta do Concello polo deporte (de base, para todos, de elite…) como fonte de saúde e tamén de ingresos para a cidade.

Ao dirixirse aos futuros profesores de Educación Infantil e Primaria, o alcalde citou ao pedagogo italiano Francesco Tonucci  que ve en Pontevedra unha auténtica “cidade dos nenos”, na que os máis pequenos fan súas as rúas e prazas, na que hai camiños escolares para que vaian sos ao colexio, etc. Fernández Lores felicitounos pola escolla feita e agradeceulles que pensen en asumir a grande responsabilidade que é educar aos nosos fillos e netos, que é “coidar do noso futuro”.

O campus de Pontevedra conta con cinco facultades e unha poboación de arredor de 4.000 persoas, sumando estudantes, profesores e persoal de administración e servizos.