Cogami premia a Pontevedra por apostar pola integración “de todas as persoas”

128

A aposta de Pontevedra polas persoas -por todas as persoas- segue a acadar recoñecementos. A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami) decidiu darlle ao Concello de Pontevedra o seu Recoñecemento á mellor institución pública ou privada, un premio polo seu “inestimábel labor a prol das persoas con discapacidade e de apoio na procura dos fins de Cogami” que non son outros que todos aqueles que levan á integración plena das persoas con capacidades distintas.

O alcalde Miguel Fernández Lores –que se sinte “moi orgulloso e agradecido”- recollerá o premio de o vindeiro 11 de setembro no Pazo de Congresos de Santiago nun acto de celebración do XXV aniversario de Cogami. Compartirá podio con outros dous galardoados: José Antonio López Freire, de quen recoñecen a súa traxectoria persoal de loita pola integración e a Fundación Vodafone que recibe o Recoñecemento social e empresarial.

Os presidentes de Cogami e da asociación Amizade , Anxo Queiruga e Paulo Fontán, achegáronse ao Concello para darlle a nova ao alcalde. Queiruga sinalaba que “un se sinte acollido en Pontevedra en onde tes a liberdade de ir dun lado a outro”. Ademais quixo pór en valor no só a receptividade que atopan no goberno e na administración locais cando fan suxestións ou propoñen iniciativas, se non a decisión á hora de adoptar medidas. Citou como exemplo destas boas prácticas o control das tarxetas de aparcamento para discapacitados.

Son 55 as asociacións e entidades que integran Cogami, das que 16 son da provincia de Pontevedra. O referente na cidade é Amizade e o seu responsábel Paulo Fontán agradeceu a accesibilidade do alcalde e a receptividade que atopa sempre no Concello.

“Estamos empeñados en construír una cidade para persoas e tamén para as persoas máis vulnerables: discapacitados, nenos, maiores…” subliña o alcalde Miguel Fernández Lores.

Pontevedra é unha cidade integradora e procura non deixar a ninguén atrás, un traballo que xa foi apreciado polo Comité español de Representantes de Persoas con Discapacidade que agrupa a todas as entidades do Estado que traballan con e por a integración. No ano 2007 o Concello recibiu o premio Cermi-2007 a Mellor Acción Local polo deseño e posta en marcha dun modelo urbano respectuoso coa accesibilidade das persoas, con mobilidade reducida e outro tipo de discapacidades.

COMPARTIR