A Mancomunidade de Montes de Pontevedra únese á fronte contra a permanencia de Ence

236

A ofensiva institucional e social que lidera o alcalde Miguel Fernández Lores, contra a permanencia de Ence na ría ten na Mancomunidade de Montes de Pontevedra un aliado. Co seu presidente e seu tesoureiro, Juan González e Adolfo Abeledo reuniuse hoxe. Os comuneiros critican o monocultivo de eucalipto, unha produción a curto prazo que hipoteca o futuro do monte e merma a diversidade e rexeitan as prácticas comerciais de Ence que fai unha política de prezos á baixa e que non coida ós produtores locais.

As comunidades de montes que integran a Mancomunidade pontevedresa –trece das dezanove que hai no municipio- evitan desde a vaga de lumes do 2005 e 2006 a plantación de eucalipto, “deixámolo só en zonas altas, de difícil acceso” explica o presidente da Mancomunidade e presidente da Comunidade de Montes de Santa María de Xeve, Juan González. “Hai pinos, castiñeiros, carballos, freixos…nos montes do concello e ningunha das nosas comunidades, agás a de Verducido, vende madeira a Ence”. “Nos vendemos a madeireiros que o venden para taboleiros, que ten un mellor prezo”. Negan que Ence sexa o motor forestal da provincia e de Galiza.

A plantación de especies autóctonas fase en clave de futuro, “queremos que a produción dure, pensamos a hora de plantar a 80-100 anos vista, plantamos para os nosos fillos e netos” apunta Adolfo Abeledo, da directiva da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, que lembra que os eucaliptos crecen en 15 anos e que “a terceira tala xa non vale”.

“Ence apela á grande riqueza que xera a produción de eucalipto e é radicalmente mentira” sostén o alcalde Miguel Fernández Lores . “Ence controla e manexa os prezos da madeira. Favorecen o monocultivo e non a diversidade do monte. Ence está empobrecendo o monte da provincia” engade.

A Mancomunidade de Montes de Pontevedra rexeita a continuidade de Ence na ría máis alá do ano 2018 e emitiu un comunicado explicando a súa postura como organización.

Proposta do alcalde

Por outra banda, a Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente aprobou hoxe, cos votos a favor do BNG, PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra, a proposta feita polo alcalde Miguel Fernández Lores para que o Pleno Municipal debata e apoie unha moción contra a permanencia de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra. O PP e mais Ciudadanos votaron en contra.

Comunicado da Mancomunidade de Montes sobre ENCE 08-2015

COMPARTIR